
A xuntanza MeTTeG 2013, Conference on Methodologies, Technologies and Tools enabling e-Government, reunirá expertos dos devanditos eidos procedentes de España, Holanda, Italia, Suíza, Suecia, Bélxica e Hungría. O congreso vén da man dos investigadores do Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos co soporte do Concello de Vigo e a Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación da Información. Trátase da segunda vez que este congreso se celebra en Vigo, tras unha anterior edición na cidade en 2009 que tivemos ocasión de reflectir en Código Cero facendo fincapé nos éxitos e nas eivas que daquela estaba a amosar o proceso de dixitalización das institucións públicas e as súas canles de comunicación coa cidadanía.
O xermolo destes congresos, informa a Universidade de Vigo, xurdiu en 2007 e abrollou logo en Italia para debater a fondo, cun cariz internacional, sobre o concepto de eGovernment. A xuntanza está proxectada, como explica Luis Álvarez Sabucedo, membro do comité organizador, “como un foro de reunión de académicos, empresas e administracións públicas interesadas en como tirar o máximo proveito das TIC e dos novos paradigmas da información para mellorar o servizo aos cidadáns e entre administracións”. Nesta sétima edición os relatorios centraranse en temáticas concretas como as smart cities, o open data, a seguridade e privacidade, a e-participación e os modelos conceptuais de servizo. “O noso obxectivo”, explica Álvarez Sabucedo á UVigo, “é que sexan unhas xornadas abertas e de interese para todo tipo de público, para todos aqueles que queiran ter unha idea do que podemos atoparnos nos vindeiros anos neste sector”.
Como lembraremos, o congreso contará con dúas conferencias convidadas, a primeira delas a cargo da directora do Centro de Investigación AtlantTIC, Nuria González Prelcic, levará por título Smart management of protected areas: an opportunity for interdisciplinary research e será o relatorio inaugural. A segunda conferencia será impartida por Richard Stallman, fundador e líder da Free Software Foundation, considerado un revolucionario da informática e responsable do proxecto GNU. Stallman é creador do software libre e do concepto copyleft, un tipo de licenza de software que asegura que este sempre fique libre e o seu uso e modificacións revertan na comunidade. Por problemas de datas, esta intervención terá lugar con posterioridade ao propio congreso e celebrarase o 9 de decembro e será de libre acceso, aínda que os inscritos no congreso terán condicións de acceso preferente.
Expertos de media ducia de países europeos falarán en Vigo do que nos agarda en materia de eAdministración
Compartir Este Artigo
