O pasado venres 11 de outubro presentábase no salón real do concello da Coruña a plataforma de servizos Comerciogalicia, ligada a un programa de xestión de clientes -o Club Comerciogalicia- e á web de venda online xa existente. Ao evento acudían a directora xeral de Comercio -Sol Vázquez-, o alcalde da Coruña -Carlos Negreira- e o presidente da Federación Galega de Comercio -José María Seijas-, amais dun bo número de comerciantes da provincia. A plataforma de servizos Comerciogalicia é unha iniciativa da Federación Galega de Comercio e da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio.
Vaise desenvolver en toda Galicia, agardándose que 4.000 comercios e 140.000 clientes se incorporen ao dito proxecto. Con esta plataforma quérese combater a crise mediante unha canle tecnolóxica, empregando a venda por Internet e os máis avanzados programas de atención ao cliente mantida no tempo. Emporiso, grazas á tarxeta Club Comerciogalicia (que é de balde), achegaranse as mellores condicións: cun mínimo do 3,5% -1,75% en alimentación- do importe de cada compra converterase automaticamente en puntos, e cadanseu punto equivale a un euro. A carga de puntos efectuarase de xeito instantáneo e automático, de maneira que un cliente que merque -por exemplo- 100 euros nunha tenda, poderá dispor ao momento de 3,5 euros adicionais para gastar nesa mesma tenda ou en calquera outra. A través da web, os usuarios da tarxeta poderán consultar os seus puntos, ver os establecementos asociados ou acceder a sorteos. Con todo, a plataforma achega outras vantaxes para os comercios galegos, que poderán vender os seus produtos 365 días ao ano e 24 horas ao día a través do portal de vendas de Comercio Galicia, xa operativo. Engadir que os establecemos poderán tamén participar en promocións conxuntas ou desenvolver promocións específicas (ofertas, cupóns desconto, etc). Cómpre sinalar que o acceso é multidispositivo, o que permitirá aos comerciantesxestionar as súas vendas e aos clientes realizar compras dende teléfonos ou tablets.
Comerciogalicia.es: o noso sector enfróntase á crise na Rede
Compartir Este Artigo
