Entre as empresas que van participar o vindeiro 24 de outubro na nova edición de GaliciaTIC atópase unha firma que leva ligada a esta xuntanza dende a súa primeira convocatoria (e xa son dez as edicións celebradas, unha cifra a ter moi en conta). Falamos de Edisa, cuxa participación no dito evento a celebrar en Santiago tense materializado tanto a nivel organizativo como a nivel expositivo: achegando relatorios na área do software de xestión empresarial e incorporando ao evento as últimas novidades neste eido.
No evento, engade Edisa, presentaranse as principais novidades, dende o punto de vista da oferta global, que sexan de interese para o sector empresarial e profesional. Como novidade nesta edición de GaliciaTIC farase énfase no I+D e na internacionalización das empresas. Edisa participará nunha das mesas redondas do congreso, en concreto a que xirará ao redor dos métodos e recursos para impulsar a busca de novos mercados, un ámbito no que Edisa amosará a súa experiencia (nos últimos anos abriu filiais en Colombia, México e República Dominicana, onde conseguiu importantes contratos). Segundo engade a empresa galega, con sedes principais en Ourense e Vigo, a xornada do 24 prevese completa, posto que se contará con relatores de primeira orde e primeiros directivos de empresas como Intel, Cisco, Oracle, IBM ou Indra, que incidirán sobre os temas de maior interese no panorama tecnolóxico.
Edisa falará en Santiago da súa experiencia en mercados estranxeiros
Compartir Este Artigo
