Dende esta tarde é posible descargar dende España a actualización que converte as actuais instalacións de Windows 8 en Windows 8.1, o que supón un importante cambio para o sistema operativo de Microsoft, que arrinca máis rápido, amplía as súas posibilidades de busca a través de Bing, facilita o uso de varias aplicacións á vez en pantalla (dividíndoa en paneis), conta con varias aplicacións específicas (entre as que destaca a nova aplicación de Facebook), permite personalizar a páxina de inicio (conseguindo incluso unha maior homoxeneidade co resto do sistema ao poder compartir o fondo co Escritorio), mellora a capacidade de aprendizaxe do seu teclado táctil, integra profundamente SkyDrive, inclúe o navegador Internet Explorer 11 que permite colocar páxinas web na páxina de inicio (gozando de notificacións), integra Skype como solución integral de mensaxería instantánea e incluso recupera o botón de Inicio (aínda que dándolle moitas outras funcións que ao botón orixinal).
Estamos ante unha actualización de balde, polo que é de agardar que teña unha rápida adopción, aínda que no caso de ter instalada a edición Preview de Windows 8.1 a actualización á versión final suporá a reinstalación das aplicacións que non veñan incluídas na tenda en liña de Windows (polo que algúns usuarios poderían optar por restaurar o seu equipo á versión anterior do sistema operativo antes de emprender a actualización).
Para os usuarios que queiran actualizar a Windows 8.1 un sistema operativo anterior a Windows 8 terán que facer fronte á mesma estrutura de prezos que tiñan as actualizacións a Windows 8.
Windows 8.1 estréase como actualización de balde de Windows 8
Compartir Este Artigo

