Como vimos facendo fincapé estes días, o vindeiro venres 25 de outubro a Cidade da Cultura acollerá por primeira vez as Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, uns encontros que van pola súa terceira edición e que veñen da man do Colexio Profesional de Enxeñería Técnica Informática de Galicia (CPETIG). A entidade que preside Marcos Mata, ademais, contará para este ambicioso evento coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que salientou o potencial destas xornadas como fonte de información e de debate de longo alcance en materia de ciberseguridade e investigación de delitos nas TIC. De feito, engade a Axencia, cómpre ter en conta que os encontros darán a acubillo a un bo número de técnicos e xuristas de prestixio nacional e internacional.
O obxectivo: informar sobre a investigación e persecución de delitos informáticos e os avances en materia probatoria forense neste tipo de delitos, que van en aumento cada ano, debido por unha banda ao avance das novas tecnoloxías e dos usuarios das mesmas e, pola outra, á busca de novos eidos de actividade (eidos en desenvolvemento e, nalgúns niveis, en proceso de regulamento) por parte dos delincuentes. As xornadas contan xa, arestora, con arredor de 70 persoas inscritas. Por certo que o programa completo de relatorios, así coma o formulario de inscrición, está dispoñible xa no microsite do evento.
Lembrar que as III Xornadas de Informática Xudicial terán lugar na sede da AMTEGA no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia e contarán coa presenza de relatores do máis alto nivel como o xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, que xa ten participado en edicións anteriores e que nesta ocasión falará sobre os novos medios de proba electrónica no procedemento xudicial. Unha das novidades desta edición será a participación dun representante dun organismo europeo, Manuel Álvarez Sobredo, responsable de implantación do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), entidade integrada na Europol e que centraliza a loita contra o cibercrime na Unión Europea. As xornadas contan coa dirección técnica de Víctor Salgado e coa colaboración do bufete Pintos e Salgado e Coremain.
AMTEGA colabora nas Xornadas de Informática Xudicial, que abordan este venres os retos da ciberseguridade
Compartir Este Artigo
