Temos novo portal de música galega, con vontade de chegar a tódolos recantos e de facelo cunha imaxe marca ben definida, moderna e atractiva. Trátase de Galician Tunes, un portal trilingüe (galego, castelán e inglés) que xa existía (co mesmo nome) pero que vénse de renovar a fondo para constituírse como vieiro e acubillo da nosa música no exterior, achegando a artistas, grupos, colectivos e selos “unha ferramenta útil para potenciar a difusión internacional do seu traballo”. Así nolo fixeron saber este martes 22, na súa presentación oficial en Compostela, os máximos responsables de AGADIC (a Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), que son as entidades que fixeron posible este novo servizo.
Na cita estiveron presentes o director da Axencia, Jacobo Sutil, e o secretario da AGEM, Roi Maceda, que debullaron as potencialidades e vantaxes desta plataforma, un portal que abrangue no seu seo institucións, asociacións e empresas musicais, que van empregar este novo selo-web para a realización de accións de promoción e para a participación conxunta en eventos internacionais. Como explicou Jacobo Sutil, esta web “aspira agora a converterse nun referente dentro da estratexia global de internacionalización da nosa música, funcionando tanto de altofalante da actualidade musical galega no exterior, como de canle para o achegamento aos nosos artistas e compañías por parte dos profesionais e públicos foráneos”.
A día de hoxe, o portal acolle un total de 137 artistas e grupos de todos os estilos, que á súa vez reúnen referencias a 230 traballos discográficos e dan acceso á reprodución en liña de 260 vídeos musicais. Ademais da información directa sobre cada unha destas bandas e solistas, as fichas redirixen ás webs promocionias, redes sociais, aplicacións de reprodución en streaming e portais de venda de música en liña que estean dispoñibles en cada caso.
O portal, segundo fixeron saber Maceda e Sutil, inclúe tamén un apartado dedicado á industria musical, que a día de hoxe está composto por 39 asociacións profesionais e empresas que desenvolven a súa actividade en ámbitos como o management, produción e promoción de eventos, iluminación, son, edición musical, gravación e produción discográfica, entre outros.
Por certo que a web permite a progresiva incorporación de novos integrantes, que poden solicitar a súa alta a través do enderezo electrónico soporte@galiciantunes.com seguindo as indicacións que se especifican na páxina. “O obxectivo”, salientaron, “é acadar unha panorámica da música galega o máis ampla e actual posible, de xeito que o portal destaca xa na cabeceira da súa portada as principais novidades referentes á presenza da marca GalicianTunes e da música galega no exterior”.
Galician Tunes convértese nunha plataforma integral de música galega para tódolos oíntes do mundo
Compartir Este Artigo
