O derradeiro relatorio das Xornadas de Informática Xudicial do CPETIG virá da man de Joaquín Silguero Estagnan, secretario xeral da Administración de Xustiza. A súa intervención será un achegamento ao concepto de Xustiza Dixital, un ámbito que el coñece ben, tanto pola experiencia no devandito cargo do Ministerio de Xustiza como pola súa traxectoria á fronte do Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica, que a día de hoxe preside. Ademais, é voceiro do Pleno do Consello Superior de Administración Electrónica, e en 2012 foi nomeado secretario xeral de Modernización e Relacións coa Administración de Xustiza. Por outra banda, ten elaborado numerosos libros e artigos sobre procedementos probatorios, teoría e práctica do proceso civil, dereito de arbitraxe en arrendamentos urbanos, Rede 2.0 no poder xudicial, protección de datos ou dereitos de autor na Sociedade da Información.
Nas xornadas do CPETIG, a columna vertebral o seu relatorio será o Programa 2 do Plan de Acción 2012-2014 da Secretaría Xeral da Administración de Xustiza, un programa dedicado á infraestrutura tecnolóxica e servizos da actividade xudicial. Segundo nos avanzou o propio Silguero a través de correo electrónico, do devandito programa cómpre salientar dúas actuacións en concreto: o desenvolvemento e posta en produción do chamado Sistema de Integrado de Xustiza (SIJ) e a evolución do actual Expediente Xudicial Electrónico (EIXO) na Audiencia Nacional. “O Sistema Integrado de Xustiza (SIJ)”, sinala, “ten por obxecto o desenvolvemento dun Sistema de Xestión Procesual que substitúa de maneira paulatina o actual despregado no territorio xestionado polo Ministerio de Xustiza, seguindo as directrices de modularidade e crecemento a escala para dar resposta ás necesidades do establecemento da Administración de Xustiza Electrónica”. O SIJ, engade, ten como núcleo de construción o Expediente Xudicial Electrónico (EIXO), o cal a través dunha progresiva transformación, centrará o novo Sistema de Xestión Procesual.
Silguero avánzanos que a día de hoxe o Expediente Xudicial Electrónico (EIXO) atópase xa implantado na Audiencia Nacional co obxectivo de acadar unha maior eficiencia e, de maneira gradual, ampliar o seu despregamento dentro da propia Audiencia Nacional. “Para iso”, explica, “estanse realizando actuacións tales como a consecución dun novo modelo de servizos de dixitalización e catalogación, o cargador de expedientes electrónicos ou a presentación telemática de escritos”.
Sobre as conexións destas actuacións coa nosa terra, o secretario xeral explica que “o Expediente Xudicial Electrónico que evolucionará no futuro dentro do Sistema Integrado de Xustiza (SIJ), abórdao o Ministerio de Xustiza cunha óptica colaborativa coas distintas Comunidades Autónomas; en concreto con Galicia abórdase dentro do marco do Convenio para a Coordinación Estratéxica e Desenvolvemento de Servizos Avanzados no ámbito das Tecnoloxías da Información na Administración de Xustiza, presentado o pasado 2 de xullo”. As dúas liñas de acción sobre as que pivota este convenio son a implantación do Expediente Xudicial Electrónico en Galicia e a posta en marcha da Sede Xudicial Electrónica da Administración de Xustiza, que permitirá a tramitación telemática da documentación aos cidadáns e aos profesionais que colaboran coa Xustiza, conclúe.
Joaquín Silguero avanzará nas xornadas xudiciais do CPETIG as liñas a seguir pola dixitalización da Xustiza
Compartir Este Artigo

