Mar Pereira, directora de AMTEGA, e Marcos Mata, presidente do CPETIG, abriron finalmente, na mañá deste venres, a terceira edición das Xornadas de Informática Xudicial que organizan os enxeñeiros técnicos en Informática e nas que colabora a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (as xornadas desenvólvense na súa sede, na Cidade da Cultura). Segundo fixo saber Mata, as xornadas inciden en que técnicos e xuristas non só están condenados a entenderse, senón tamén a colaborar de xeito estreito. O obxectivo do CPETIG, dixo, é converter estes encontros nun foro aberto, desenvolvéndose durante todo o ano e servindo como punto de encontro e de colaboración entre os dous devanditos ámbitos.
Mar Pereira, pola súa banda, fixo saber que as xornadas poñen de relevo novos retos para o ámbito tecnolóxico, que non só cambiou o noso xeito de comunicarnos e de obter información, senón tamén a feitura das tendencias criminais. Os delitos na Rede non paran de medrar, dixo, e calquera internauta ten cada vez máis familiaridade con termos como ataque de denegación de servizo, virus ou troianos. “Estamos a ver que Internet é un ámbito onde se está a trasladar a problemática da criminalidade actual, temos cifras cada vez máis grandes e isto débese ao emprego cada vez máis extensivo das novas tecnolóxicas, de Internet e das redes socias” comentou.
Ao seu xuízo, cuestións coma a informática xudicial e o cibercrime (temas a tratar nas xornadas) non afectan nin interesan só aos profesionais dos dous ámbitos, as TIC e a Xustiza, senón a toda a poboación, ben sexan empresas ou representantes das institucións públicas (que deben salvagardar a información que manexan), usuarios de a pé e, por suposto, pais e nais (que deben supervisar os hábitos dos seus fillos nas redes sociais, igual que o fan nos ámbitos tradicionais offline). Na súa opinión, a mellor forma de atallar este tipo de problemas (prácticas como o acoso na Rede a menores, por exemplo) é e será a prevención. “Unha prevención”, explicou, “baseada na información e na educación”. A raíz disto, “é máis necesaria ca nunca a colaboración con todos os axentes implicados, educadores, pais, nais, menores e profesionais do ámbito tecnolóxico”, fixo saber.
Inaugúranse as Xornadas de Informática Xudicial facendo fincapé en atallar o cibercrime dende tódalas frontes sociais
Compartir Este Artigo
