Fálase moito da necesidade que temos de emprender, de innovar e de procurar investidores para os nosos proxectos. Porén, non se informa moito de como facelo, das prácticas ou claves son as máis aconsellables de aplicar para convencer a eses investidores de que nos apoien. Co fin de botar un pouco de luz sobre todo isto, a Tecnópole acolle este 14 de novembro un obradoiro para emprendedores galegos que que queiran presentar unha iniciativa de seu ante axentes de financiamento. A xornada, vén da man da rede de business angels InnoBAN en colaboración con Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole. O prazo de inscrición xa está aberto na web do complexo empresarial ourensán.
Durante oito horas, informa a Tecnópole, “os participantes recibirán a formación teórica e práctica precisa para facer unha presentación eficaz do seu proxecto empresarial ante investidores”. O obradoiro, engádese, “diríxese a emprendedores que xa plasmaron a súa idea nun plan de negocio e queren presentar o seu proxecto ante posibles investidores, pero tamén a persoal de apoio a emprendedores de concellos, universidades, centros tecnolóxicos e centros de investigación; e a consultores e outros profesionais interesados no financiamento de proxectos de emprendemento con alto potencial de crecemento”.
O obxectivo que se persegue con este taller é capacitar os emprendedores para presentar o seu proxecto ante investidores. Os asistentes aprenderán as claves para comunicar un proxecto a través dun resumo executivo, un elevator pitch (discurso oral no que hai que defender o proxecto nun tempo moi limitado) e unha presentación de 10 minutos con soporte gráfico.
A Tecnópole acolle un obradoiro sobre técnicas para pór aos investidores en innovación do noso lado
Compartir Este Artigo
