A Agrupación Fotográfica Galega anunciounos este luns que está a organizar unha serie de actividades formativas que amosan ás claras as estreitas ligazóns que están a establecer os eidos da imaxe e as novas tecnoloxías: son dous camiños que xa discorren parellos e en ocasións, comparten firme. Entre estas actividades inclúese o Curso sobre Adobe Photoshop Lightroom 5, a desenvolver en Vigo os días 23 e 30 de novembro, en horario de 10 a 14.00 horas e de 16 a 20.00 horas. As sesións virán da man de José Carlos Álvarez (fotógrafo freelance deportivo) e estenderanse no tempo ao longo de 16 horas.
O curso está dirixido a todo aquel seareiro da fotografía ou profesional que queira ter un primeiro contacto co devandito software de Adobe, comezando polos seus recursos máis sinxelos (captura e obtención de imaxes, preferencias e axustes, interface) e abordando logo todo tipo de tarefas de máis alcance e complexidade (efectos profesionais, importación de imaxes, organización de fotografías, revelado e edición, saída de imaxes, xeolocalización, casos prácticos en materia de retratos, paisaxes e produtos en branco e negro creativo, etc).
A Agrupación Fotográfica Galega achega este mes un curso sobre Adobe Photoshop Lightroom 5
Compartir Este Artigo
