Quen queira saber de primeira man os proxectos dun xigante das novas tecnoloxías como Google en materia de computación na nube, ten unha boa oportunidade o vindeiro venres 8 de novembro no salón de actos da Confederación de Empresarios da Coruña, a través da primeira edición do Cloudinar A Coruña, que organiza a CEC coa colaboración de Google Enterprise, Innolearning 2.0 e ASAC Comunicacións. O seminario, que é de balde, fornecerá un achegamento ás novas ferramentas de xestión empresarial que pon en xogo o cloud computing e que, en palabras da organización do evento, están a revolucionar o xeito corporativo de traballar, xa que as devanditas ferramentas “non só son un factor de innovación, seníon que ademais supoñen un importante aforro nesta época de crise”.
Sobre todo, polo que teñen de externalización de servizos e recursos, ou dito doutro xeito, por permitir facerlles ás empresas (xeralmente dunha maneira económica) o que doutro xeito lles sería imposible afrontar, por exemplo implantar ferramentas de xestión, empregar servidores propios ou botar man de tecnoloxías como a videoconferencia ou os servizos de venda en Internet, por poñer uns exemplos.
Segundo lembran os organizadores, “o uso da nube como sistema de aloxamento permite que a empresa xa non necesite dispor de potentes servidores propios, nin computadores cada día máis potentes, cos consecuentes custos de adquisición, mantemento, seguridade, licenzas de software”. Porén, engádese, é precisa máis e mellor información sobre estes recursos tan importantes, en parte pola súa efectividade e rendibilidade (sempre e cando se faga un bo uso deles) e en parte porque o futuro da actividade empresarial encamíñase cara a un emprego integral dos mesmos (polo tanto, practicamente entraremos nunha dinámica de computación na nube si ou si).
Durante este seminario exporanse as capacidades e beneficios que as ferramentas de última xeración desenvolvidas por Google e outros desenvolvedores achegan ao traballo diario, facendo ver os seus beneficios e potencialidades.
Os destinatarios da actividade son profesionais de calquera sector que necesiten mellorar a súa produtividade na xestión administrativa e de comunicación da súa empresa e que estean interesados en aforrar en gastos de mantemento e adquisicións.
O evento en cuestión está previsto que se desenvolva entre as 10.00 e as 12.30 horas.
Google amosará os seus novos servizos na nube na sede da CEC na Coruña
Compartir Este Artigo
