A organización da primeira convocatoria do Mobile Commerce Congress, case con toda probabilidade a xuntanza máis ambiciosa sobre comercio e dispositivos móbiles das que se celebran actualmente a nivel estatal (ambiciosa en alcance, en repercusión, en xente reunida, en trebellos amosados, etc), vén de lanzar a súa aplicación oficial para teléfonos intelixentes dirixida a facilitar o seguimento das actividades programadas. Ou sexa, para evitar que deamos voltas polo recinto (a sala Moma de Madrid) ou botemos a perder máis tempo do debido buscando un programa que consultar. A aplicación lánzase para iOS, Android e para outros sistemas operativos responsive.
Lembrar que o congreso abre as súas portas dentro dunha semana, e que se trata dun evento especificamente ligado ao fenómeno da mercadotecnia en calquera das súas manifestacións ligadas ao uso do móbil, abranguéndose de cheo o ámbito do comercio e procurándose novos xeitos de estimular o consumo e impulsar a saída da crise (cómpre lembrar que durante o ano pasado o 4,5% das vendas en comercio electrónico tiveron a súa orixe no emprego dos móbiles). Coa aplicación oficial do evento, os usuarios poderán ter no seu móbil toda a información sobre relatores, sobre a axenda do congreso, asistentes, expositores, documentación, etc. “Todo na palma da man·, como sinala a organización.
Mobile Commerce Congress lanza a súa aplicación oficial para iOS, Android e responsive
Compartir Este Artigo
