Máis dun centenar de profesionais asistiron este xoves á xornada sobre mercadotecnia e busca de novos mercados celebrada no Consorcio da Zona Franca de Vigo. A cita, desenvolvida baixo o epígrafe Marketing e internacionalización, as claves do éxito, veu da man do Centro de Excelencia da devandita cidade galega e contou coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI), o Consorcio da Zona Franca (CZFV) e a Universidade, dispoñéndose do financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria. A idea básica foi xuntar nun mesmo acubillo a quen xa ten experiencia no emprego da mercadotecnia para abrirse camiño fóra da nosa terra e a quen está a piques de comezar a facelo.
Deste xeito, houbo empresas con marcado marcado posicionamento no ámbito internacional dando conta da súa actividade (Jealsa, Izmar, Bosch, Adegas Paco&Lola e DHL Express) e profesionais-asistentes tomando boa nota e dando conta tamén das súas arelas e obxectivos.
A vertente máis tecnolóxico-dixital (a que nos ocupa) achegouna sen dúbida DHL Express, representada no encontro por Marta Belloso, xefa de produto da compañía, quen avaliou os principais temas que se deben ter en conta á hora de abrirse paso en novos mercados (loxísitica, aranceis, alfándegas, linguas diferentes, características de seu dos países do destino) e presentou dúas novas ferramentas tecnolóxico-dixitais que a empresa foi quen de desenvolver para facilitar os trámites ás pequenas e medianas empresas. Trátase das ferramentas TAS e JUMP. A primeira é unha aplicación que permite coñecer a normativa alfandegueira de 34 países e fornece información sobre os requisitos que se deben cumprir; a segunda é unha plataforma creada en colaboración con outros socios que ofrece axuda a todas as empresas que desexen exportar e non saiban como.
Óscar López, xefe do servizo de alimentación para Europa de Jealsa Rianxeira, foi o encargado de abrir a xornada, analizando a experiencia da compañía en diferentes países da Unión Europea e Estados Unidos. Destacou que a súa estratexia caracterízase por estudar as necesidades dos clientes en cada país e achegarlles solucións, grazas ao coñecemento adquirido no país de orixe e á extrapolación dos resultados. Pola súa banda, Laureano Pérez, director industrial de Izmar, presentou dúas posibilidades de internacionalización, baseándose na experiencia do seu grupo en México e Marrocos. A primeira realizouse a través dun socio local que achegaba o coñecemento do mercado e do país; e a segunda, montando a súa propia fábrica en Tánxer. Belén Varela, directora xeral da Adega Paco&Lola, explicou aos asistentes a política de internacionalización que segue a cooperativa, que actualmente destina o 70% da súa produción á exportación. Sebastián Funes e Carlos Pérez de Bosch Communication Center, puxeron en común o traballo que están a desenvolver na prestación de servizos de asistencia ao condutor desde a seu central de Barcelona para toda Europa.
Máis de un cento de profesionais participaron en Vigo nunha xornada sobre recursos e tecnoloxías para abrirnos camiño no exterior
Compartir Este Artigo
