A Comunidade Laboral Universia – Trabajando.com vén de lanzar a segunda edición do certame Jumping Talent, o concurso de talento universitario destinado a acadar que 10 grandes empresas dos máis variados sectores recruten aos mozos co mellor expediente. A cita decisiva será o 27 de marzo, e nela darase a acubillo a un centenar de novos profesionais “cunha proxección curricular de alto potencial”, co fin de que amosen os seus coñecementos perante os adestradores das súas respectivas empresas. Por certo que este ano, en troques das 4 firmas que participaron na primeira edición, os organizadores contarán con dez, “todas elas destacadas nos seus respectivos sectores”. Por parte do sector das telecomunicacións e da Sociedade do Coñecemento, concorrerá Vodafone. Tamén participarán a consultora TIC Accenture e o fabricante nipón de produtos para a impresión, Kyocera.
Estas empresas, informa a organización, actuarán como adestradoras e terán como obxectivo elixir o mellor talento universitario. Os perfís polos que competirán os concursantes serán moi diferentes: desde xornalismo, comunicación e mercadotecnia, ata titulacións máis técnicas como enxeñeiros de organización industrial, matemáticos ou licenciados en ADE.
Nunha primeira fase, o equipo de emprego de Universia realizará un proceso de escolma que soamente superarán os 100 mellores currículos. Durante este proceso, avaliaranse unha serie requisitos mínimos que serán: bo expediente académico, inglés moi alto (demostrable), experiencias internacionais (académicas ou profesionais) e unha carta de motivación ou recomendación da universidade que deberá de achegarse no momento da inscrición. Durante o concurso os adestradores enfrontaranse entre eles por atraer o talento que mellor encaixe coas súas empresas. Con este capital humano, formarán os equipos que compitan na fase final por ser os novos gañadores da próxima edición de Jumping Talent.
Os estudantes que formen parte de equipo gañador, terán acceso directo aos programas de prácticas e primeiro emprego que teñan abertos nese momento as empresas participantes na II edición de Jumping Talent.
Vodafone, entre as empresas punteiras que participarán na selección de novos profesionais do certame Jumping Talent
Compartir Este Artigo
