A Asociación de Empresarios de Alcobendas (situada na Avenida de Fuencarral da cidade madrileña) vén de anunciar que o vindeiro 4 de decembro celebrará unha xornada sobre xestión do coñecemento e profesionais 2.0 con tecnoloxía galega como eixe fundamental. Esta xornada está encamiñada a profesionais interesados na xestión do coñecemento: empresarios, xerentes xerais, executivos de áreas de desenvolvemento e organización, recursos humanos, formación, comunicación ou calidade. No evento presentarase eHabilis (a ferramenta de xestión da información), exporanse técnicas de aprendizaxe aplicadas a adultos e tendencias 2.0 en recursos humanos.
A xornada eHabilis: Knowledge Management System abranguerá outros temas como: a mellora da capacidade de formación e comunicación nas empresas, os novos estilos de traballo e oportunidades para a innovación, as mecánicas de xogo aplicadas aos procesos de aprendizaxe (gamificación). Asemade, o programa da xornada inclúe varios relatorios que serán realizados por senlleiros profesionais especializados na xestión do coñecemento e recursos humanos, abrirá o evento Brais Martínez (xefe de produto de eHabilis e doutorado na Universidade de Barcelona sobre Xestión do Coñecemento 2.0), quen presentará a nova versión de eHabilis, a plataforma galega de e-learning na nube, concibida para un uso corporativo e que se converteu nunha das primeiras contornas de aprendizaxe social e colaborativo do mercado. Seguiralle, o galego Roberto González Fontenla, profesional con ampla experiencia en RR HH, quen amosará porqué as empresas precisan innovar en recursos humanos e achegar o novo perfil do profesional 2.0. Por último Antonio Carro (responsable de Estratexia e Innovación na compañía Sdweb, falará sobre gamificación e Serious Games, con exemplos e casos prácticos de aplicación de mecánicas de xogo na formación corporativa. Haberá tempo tamén para o networking e o intercambio de experiencias entre os asistentes.
Dicir que a entrada a este encontro eHabilis será gratuíta aínda que é preciso formalizar con anterioridade a inscrición, enviando un correo a info@ehabilis.es ou chamando ao 881 819 107.
A plataforma galega eHabilis será presentada perante empresarios madrileños
Compartir Este Artigo
