O pasado martes 12 de novembro o secretario de Estado de Servizos Sociais e Igualdade e secretario xeral do Real Padroado sobre Discapacidade -Juan Manuel Moreno Bonilla- e o presidente de Vodafone España e de Fundación Vodafone España -Francisco Román- presentaban a publicación Acceso e uso das TIC polas persoas con discapacidade. Cómpre dicir que o obxectivo deste estudo -realizado pola Fundación Vodafone España- é achegar un meirande coñecemento e contribuír á sensibilización da sociedade sobre as posibilidades que as TIC ofrecen ás persoas con diversidades funcionais e motrices de cara a mellorar o seu benestar e posibilidades de inserción laboral.
O informe, que contou co apoio de Fundación ONCE e CERMI, así como da Fundación Tomiño (encargada de realizar o estudo de campo), baseouse na explotación da Enquisa EPDFVE 2013, encamiñada ás persoas con discapacidade visual, auditiva e de mobilidade entre 18 e 64 anos residentes en fogares españois. Entre as conclusións obtidas salientan: o potencial de Internet para as persoas con discapacidade malia que hoxe en día, só un 32,9% dos enquisados emprega esta ferramenta na súa vida cotiá. Esta cifra aumenta ao analizar o uso de Internet por parte de persoas con discapacidade auditiva, ata chegar ao 61,8%. Este colectivo é tamén o que máis participa en redes sociais (56,1%). Detéctase unha universalización do uso do teléfono móbil en todos os colectivos, sendo o medio empregado por arredor do 92% do total de enquisados. O 100% considera que a incorporación das TIC ao traballo aumentou as súas posibilidades laborais. A maioría dos enquisados consideran que a accesibilidade dos dispositivos e as aplicacións son unha ferramenta imprescindible para mellorar a súa calidade de vida e autonomía persoal. As persoas interrogadas consideran que o prezo dos dispositivos adaptados pode ser un atranco, liquidado polo avance da tecnoloxía e o previsible abaratamento dos custos nun futuro.
Así, dende a Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, Juan Manuel Moreno engadía que se porá de manifesto en vindeiras iniciativas unha prioridade clara: “Servirnos de todas as accións positivas que as TIC achegan para traballar pola inclusión real e efectiva destas persoas. Pola súa banda, o presidente da Fundación Vodafone España -Francisco Román- afirmaba como “inevitable e fundamental, e tamén o noso desexo, que estas conclusións sirvan de aliciente para que grupos vulnerables poidan potenciar, mediante innovación e formación, o uso das TIC e así poder integrarse ao cen por cen no universo dixital”.
Vodafone España lembra: as TIC son unha gran oportunidade para as persoas con diversidades funcionais
Compartir Este Artigo
