Alberto Núñez Feijoo avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, a Estratexia de crecemento dixital para dar continuidade aos logros tecnolóxicos alcanzados en Galicia e converxer coa Unión Europea en 2020, subliñando que esta estratexia está perfectamente aliñada coa RIS3 de Galicia para establecer relacións sinérxicas entre elas, e captar fondos europeos en proxectos tecnolóxicos para a Comunidade no novo período de financiamento 2014-2020. De feito, coa aprobación da Estratexia Galega de Crecemento Dixital, Galicia cumpre co requisito establecido pola Unión Europea de que as Estratexias de investigación e innovación para especialización intelixente RIS 3 recollan un capítulo específico destinado ás TIC.
O titular do Goberno galego lembrou que o sector tecnolóxico “debe ser un motor de especialización da nosa economía” dado que, apuntou, representa o 5% do PIB europeo, impulsa o 20% do crecemento da produtividade xeral das empresas, e constitúe unha cuarta parte do negocio total de I+D+i en Europa. Segundo precisou, en Galicia máis do 30% das empresas TIC galegas desenvolveu actividades de I+D+i nos tres últimos anos, cun incremento do 15% respecto do período anterior. E, destas empresas, un 71,3% obtivo produtos comercializables.
Feijoo explicou que a Estratexia Galega de Crecemento Dixital dá prioridade a cinco grandes liñas de actuación no sector tecnolóxico ata o ano 2020 que consolidarán e darán continuidade ás medidas da Axenda Dixital 2014.gal. En primeiro lugar, a estratexia fixa como prioridade no eido da Administración a consolidación da Administración electrónica e do eGoberno; a modernización tecnolóxica dos servizos públicos e a modernización dos sistemas de emerxencias e catástrofes e dos sistemas de transporte.
En segundo lugar, proseguiu, establece tamén a consolidación do sector TIC con actuacións de apoio integral ao emprendemento TIC, de impulso á preparación de profesionais TIC altamente cualificados, e tamén de fomento da innovación tecnolóxica e a súa posterior aplicación aos sectores tractores da economía.
Outra das liñas de actuación será a de mellorar a competitividade do tecido empresarial e, con este fin, a Estratexia de crecemento dixital establece dous tipos de programas. Son os programas específicos para a modernización dos sectores primarios galegos porque, tal e como apreciou o presidente “hai unha gran oportunidade para aplicar as TIC aos sectores primarios da nosa economía e mellorar a rendibilidade do sector agroindustrial”. E, tamén, para o asesoramento a empresas, identificando as súas necesidades tecnolóxicas, co obxecto de mellorar a competitividade dos seus produtos.
En cuarto lugar, esta iniciativa busca acadar unha cidadanía plenamente dixital articulando un programa de acreditación de competencias dixitais e potenciando a educación dixital en todos os niveis educativos, con especial énfase no futuro dos libros dixitais no ensino galego. E, no eido das infraestruturas de telecomunicacións, o obxectivo a medio prazo é impulsar o despregamento de redes ultrarrápidas, incentivar o uso da banda larga móbil e afondar nos servizos de fogar dixital que afectan directamente o servizo público dos servizos sociais e aos servizos públicos de sanidade.
O presidente declarou que “a partir de agora hai unha nova estratexia que permite acadar o obxectivo de que no ano 2020 se acade a práctica converxencia con Europa no que se refire a todo o uso das tecnoloxías nos sectores produtivos, nos servizos públicos e no eido dos cidadáns”. Esta estratexia, asegurou, “vainos permitir presentar a nosa folla de ruta e concretar os fondos que lle corresponden á estratexia tecnolóxica e a captar outros fondos europeos” no eido das novas tecnoloxías. “Sen esta estratexia isto non sería posible”.
A Xunta deseña unha estratexia de crecemento dixital para converxer con Europa
Compartir Este Artigo
