Igalia, compañía coruñesa centrada en achegas de software libre, anunciou que vai colaborar directamente no proxecto Tizen, e farao en calidade de socia desta plataforma-comunidade integrada por 35 membros implicados no desenvolvemento e despregue do sistema operativo do mesmo nome (Tizen). Este proxecto Tizen, informa Igalia, é un consorcio industrial que centra os seus esforzos en dar forma á dita ferramenta operativa e en asegurarlle a esta unha ampla gama de posibilidades en dispositivos conectados. Como socia desta alianza, a empresa galega terá a oportunidade de unirse a “relevantes grupos de traballo” e participar arreo nas reunións da asociación, dando a compañía novos azos (ideas, empuxe) ao desenvolvemento do sistema.
Lembrar que Tizen xunta hoxe en día a algunhas das máis importantes e innovadoras compañías de desenvolvemento de produtos, aplicacións e servizos informáticos, todas elas traballando a prol do crecemento do ecosistema de dispositivos conectados.
Tizen, para quen non o saiba, basea en Linux o seu proxecto de desenvolvemento, e de feito toda a iniciativa está patrocinada por Linux Foundation e a Fundación Limo. Ten a súa orixe en MeeGo, que á súa vez foi unha combinación dos sistemas operativos móbiles Moblin, creado por Intel, e Maemo, creado por Nokia, e está destinado a substituílo. O desenvolvemento está dirixido por Intel, Samsung, e algúns antigos desenvolvedores de MeeGo.
As interfaces de desenvolvemento de Tizen están baseadas en HTML5 e outros estándares web e será deseñado para o seu uso en tablets, netbooks, smartphones, televisores intelixentes e sistemas integrados de información e entretemento. Os membros do equipo directivo técnico actual declararon que o froito deste traballo será totalmente aberto.
A galega Igalia únese ao proxecto Tizen para a creación dun novo sistema aberto para dispositivos
Compartir Este Artigo
