A actividade da Asociación Galega de Editores (AGE) é un exemplo de como o pulo editorial da nosa terra ensaríllase, no mellor sentido do termo, coas novas tecnoloxías da información. A AGE ten pasado por Código Cero con motivo de creación da plataforma galega de libros electrónicos (a plataforma Elibro galego), e agora volve facelo por mor do seu simposio anual, que se celebrou este xoves e que resultou moi interesante dende un punto de vista situado entre o dixital e cultural, xa que serviu de acubillo a unha serie de intervencións artelladas baixo o epígrafe O futuro da biblioteca no entorno dixital. Ao acto asistiu un cento de profesionais bibliotecarios, profesores e editores.
Contouse coa colaboración do Consello da Cultura Galega (que deu acollida á actividade na súa sede en Compostela) e a Secretaría Xeral de Cultura, representada polo seu titular Anxo Lorenzo. Foi Lorenzo, na compaña do presidente da AGE (Manuel Bragado), quen abriu a xornada reflexionando sobre as contornas tecnolóxicas en relación ao servizo bibliotecario, salientando “a importancia de promover espazos de encontro nos que os diferentes axentes do sector de libro poidan debater, analizar e definir liñas de futuro compartidas” e definindo o dito contorno como “unha realidade que permite multiplicar as opcións de cultura e favorecer o acceso á mesma”. Con todo, tamén sinalou que amosa dificultades técnicas e legais que esixen dunha coordinación e dun traballo en común do sector do libro, tanto do eido privado como do público.
O simposio deixou constancia, ademais, da necesidade de dirixir a ollada cara as bibliotecas, atender ás súas demandas no que atinxe a adaptación dos lectores á lectura dixital e avaliar as tendencias e requirimentos que os propios lectores amosan nestes centros. Sobre esta necesidade incidiu precisamente Manuel Bragado, tal e como sinala o Consello da Cultura Galega dende a súa web. Para o presidente da AGE (e director de Xerais), cómpre non esquecer que “as bibliotecas son as institucións principais para o acceso á lectura en condicións de igualdade por parte de toda a cidadanía”, o que non impide que esta función clásica se combine con novas funcións, converténdose en centros de fomento da lectura, si, “pero tamén de alfabetización dixital, sobre todo neste momento no que se está a incorporar a nova lectura sobre pantallas e soportes dixitais que integran o hipertexto”. Segundo explicou Bragado e reflicte o CCG, a situación “provoca novos retos aos que as bibliotecas teñen que facer fronte e solucionar problemas para os que non existen aínda alternativas claras, especialmente no caso dos préstamos para lecturas en soportes móbiles”.
No simposio tamén participou amosando a súa experiencia Maria del Mar Larouba, directora da biblioteca González Garcés da Coruña, xestionada pola Xunta e con importantes liñas de actividade no proceso devandito de alfabetización dixital, cousa que se ve impulsada aínda máis polo feito de dar acubillo a unha aula CeMIT, dende a que se organizan cursos sobre ferramentas web e informáticas. Ademais, o centro comparte as características propias dunha biblioteca do noso tempo: conta con computadores para os usuarios, conexión de balde, Wi-Fi, préstamos de DVD, CD ou mesmo libros electrónicos cos seus aparellos de lectura. Larouba, na súa intervención, constatou unha tendencia cada vez máis grande, por parte da cidadanía, a pedirlles ás bibliotecas algo máis que libros. Así, salientou o éxito de soportes como DVD ou CD, que “teñen unha proporción moi alta de préstamos en relación co volume de fondos que temos no conxunto”, unha tendencia que tamén se albisca no emprego dos computadores da biblioteca.
O simposio anual dos editores galegos constata o valor das bibliotecas como centros de alfabetización dixital
Compartir Este Artigo
