A asociación de software libre MeLiSA, con centro de operacións en Melide, vai organizar o vindeiro 30 de novembro un obradoiro de gravación e edición de son con ferramentas abertas, co obxectivo de dar a coñecer a existencia e o funcionamento de diferentes recursos open source que poden ser usados por toda persoa interesada na edición de son. O obradoiro terá lugar na aula CeMIT, situada no edificio multiusos de Melide, de 10 a 14 horas. Dispóñense dun total de 20 prazas, engade a asociación, polo que se recomenda que os interesados realicen a inscrición antes de acudir ao obradoiro.
A idea básica é fornecer aos asistentes dos coñecementos e habilidades precisos para poderen realizar gravacións e edicións de son dos seus instrumentos musicais, empregar recursos libres dispoñibles na Web e ter acceso a ferramentas que poidan achegar un aspecto profesional ao seu traballo cotián. Segundo informa MeLiSA, emprestarase unha especial atención ao manexo do aplicativo Audacity, co cal se poden levar a cabo todas as tarefas necesarias para editar son de xeito doado, e utilizando formatos abertos.
O público obxectivo para este obradoiro será toda persoa afeccionada á música, técnicos de son da rede galega de locais de ensaio, profesionais da música que utilicen ferramentas privativas, profesionais dos medios de comunicación, e en xeral calquera persoa interesada no tratamento do son, explica o colectivo de Melide.
MeLiSA organiza en Melide un obradoiro de gravación de son con software libre
Compartir Este Artigo
