Empresas de todo o mundo, con maior ou menor fortuna ou nivel de compromiso, van poñéndose as pilas paseniño no que se refire a facer os deberes en materia de medio ambiente. É unha cuestión de responsabilidade social empresarial: o beneficio que sacas, polo menos que non sexa a costa da contorna na que traballas (senón o contrario). Telefónica semella ser unha destas empresas, polo menos así o asegura. En termos concretos e segundo consta nun informe da operadora publicado este venres pola súa división verde, a compañía reduciu a súa factura enerxética en case 58 millóns de euros de 2007 a 2012, “grazas aos máis de 114 proxectos de eficiencia enerxética habilitados, que permitiron diminuír en 505 XWh o consumo eléctrico e en 156.000 toneladas as súas emisións de gases de efecto invernadoiro”.
Ademais, engádese no estudo, Telefónica logrou xa unha redución do 22% do consumo enerxético nas redes, o que significa que “xa percorreu máis do 70% do camiño para cumprir o seu compromiso para 2015: diminución dun 30%, en relación a 2007, medido en kWh/acceso equivalente”.
Por certo que para optimizar a xestión da enerxía e o carbono o vindeiro ano, Telefónica habilitará xunto a Telefónica Global Technology (a empresa do grupo encargada da xestión dos sistemas de información da compañía) e INDRA (como empresa integradora) a ferramenta Sustainability Performance Management (SuPM) de SAP.
Todos estes datos fixéronse públicos no transcurso da cuarta edición do Workshop Global de Enerxía e Cambio Climático da Compañía, que se acaba de celebrar en Panamá e no que participaron responsables enerxéticos do grupo de raizame española en 17 países, “valorando o esforzo realizado por Telefónica no último ano para acadar os obxectivos de redución de consumos enerxéticos e emisións de CO2 para 2020 e as accións realizadas ata agora pola súa Oficina de Cambio Climático e Eficiencia Enerxética, así como as que se porán en marcha nun futuro centradas en operacións e compras”, explica a operador. Tamén participaron nas xornadas fabricantes como Delta, Eltek, Emerson, Enertika, Evolution Networks, Gamma Solutions, Himoinsa, Huawei, Schneider Electric, SUNCO Systems, Vigilent e Yuasa, e entidades como GSMA e AENOR, a empresa verificadora dos datos de enerxía e emisións de Telefónica.
Telefónica informa dunha redución da súa factura enerxética en 58 millóns de euros
Compartir Este Artigo
