A Asociación Galega de Empresa de Software Libre (AGASOL) e AMTEGA seguen adiante coas súas actividades de promoción do software libre no ámbito empresarial, actividades que en boa medida collen corpo nun ciclo de seminarios prácticos de solucións para as corporacións baseadas en código aberto e dirixidas sobre todo para as nosas PEME. A través destes seminarios, os asistentes poden coñecer de forma práctica as vantaxes do uso de Sistemas de Xestión Empresarial (ERP), de Relacións cos Clientes (CRM), xestión documental, Xestión de Contidos (CMS), comercio electrónico, xestión de rede, computación na nube e traballo en grupo.
Para quen queira participar nestas actividades, dicirlle que este 25 de novembro celébrase un seminario sobre ferramentas de traballo en grupo con software libre (da man de E-GroupWare) e que ao día seguinte, este martes 26, está prevista unha nova actividade de divulgación sobre xestión documental con programas en aberto (Alfresco), e xirando a sesión arredor dun caso práctico de aplicación dun sistema de xestión documental libre.
Estas actuacións forman parte dunha colaboración, a de AMTEGA e AGASOL, que entre outras cousas xa deu como resultado a Guía de solucións TIC en Software Libre para profesionais autónomos e máis o Programa de Asesores Tecnolóxicos. A idea común a todas estas actividades é a de promover que as empresas e profesionais galegos sexan quen de empregar as TIC para ser máis eficientes, aumentar a súa produtividade e innovar.
AGASOL celebra esta semana dous novos seminarios sobre solucións empresariais en software libre
Compartir Este Artigo
