Por se alguén non o sabía, está en marcha dende hai un ano unha comunidade iberoamericana de emprendemento dixital, de nome unX e dirixida a acubillar e dar apoio e asesoramento a canto profesional hai, na Península Ibérica e na outra beira do Atlántico, devecendo por dar forma á súa idea TIC de mercado. Pois ben, os creadores da iniciativa están estes días celebrando o primeiro ano de vida da comunidade, e sinalan que as cousas non se deberon facer tan mal, xa que que finalmente foron quen de xuntar máis de 25.000 persoas (usuarios rexistrados) e impulsar sete cursos abertos e de balde en portugués e castelán. Cursos deseñados sobre todo para persoas que queiran emprender un negocio dixital ou adquirir competencias dixitais.
Segundo informan os responsables desta iniciativa, a comunidade unX non é outra cousa que “un proxecto de aprendizaxe para o creación de novas empresas a través dunha plataforma educativa que permite ademais en intercambio social de experiencias e aprendizaxes”.
A rede unX conta co apoio inicial de UNED, Telefónica Learning Service, o Centro Superior para o Ensino Virtual, o Media Lab do Instituto Tecnolóxico de Masachussets (MIT), o Banco Santander-Universa, a RedEmprendia e Cedierj (Brasil), todos eles achegando o seu respaldo como socios. Trátase dun modelo aberto que basea unha boa parte do seu potencial na achega de novas mans e experiencias, en novas forzas que xuntar, como calquera outra comunidade. Asemade, outro dos seus piares fundamentais é a liña de cursos abertos a desenvolver en liña. A súa baza son os MOOC, que son actividades abertas online que teñen por obxectivo unha concorrencia masiva dun gran número de estudantes e ofrecen libre acceso desde un espazo web. Os participantes comparten coñecementos a través de foros e redes sociais. A metodoloxía está baseada en casos prácticos de estudo, deseñados por un titor denominado curator e moderado e dinamizado por un facilitador, que promove a xeración de coñecemento en comunidade.
A comunidade de novos empresarios dixitais unX acada un ano de vida e 25.000 integrantes
Compartir Este Artigo
