A ferramenta Moovit, dirixida a fornecer máis eficiencia nas viaxes en transporte público, xa ten versión 3.0 para Android. Esta nova achega, informan os seus responsables, conta cunha interface totalmente redeseñada (coa idea de facela máis limpa e elegante), cunha funcionalidade para seleccionar de xeito doado a orixe ou o destino elixido no mapa da pantalla, alertas de servizo (achegando información sobre os operadores de transporte de cada cidade) e cunha navegación interactiva paso a paso optimizada.
Lembrar que Moovit, arestora usada por unha comunidade de case 3 millóns de usuarios de todo o mundo, é unha aplicación de transporte público en tempo real que combina datos de transporte público e a información “en vivo” dos usuarios. Isto, sinalan os seus creadores, proporciona imaxes reais de como serán os traxectos a seguir e suxestións fiables das rutas máis rápidas e cómodas en cada intre.
A ferramenta foi lanzada en 2011, e conta con especial presenza en cidades como Nova York, Londres, Roma, Madrid, Barcelona ou México DF. Recentemente recibiu o Choice Award (elección dos usuarios) do MTA App Challenge 2013 e foi escolmada entre as 10 start-ups con máis proxección de Israel. Segundo indican os impulsores de Moovit, a versión 3.0 para iOS chegará en breve, estando suxeito este adiamento ao feito de que o 60% dos usuarios da aplicación empregan Android (polo que se decidiu lanzar primeiro a versión neste sistema). Sinalar por último que a ferramenta é de balde para tódolos usuarios.
Chega a Android a versión 3.0 da ferramenta Moovit, dirixida a tirarmos o máximo partido do transporte público
Compartir Este Artigo
