Finalmente desenvolveuse a nova edición do foro de investimento Vindeira Capital Network, dirixido a pór o máis preto posible os fondos estatais e internacionais dos nosos empresarios TIC. Segundo nos conta a organización, o Clúster TIC Galicia, a valoración desta cuarta convocatoria (celebrada os días 21 e 22 en Santiago) é a todas luces positiva, non só por terse acadado un récord de participantes (35 investidores, entre entidades públicas e privadas de Galicia e o conxunto de Estado, e quince empresas TIC amosando en detalle as súas propostas, amais doutras tantas achegándoas sen presentación oficial) senón tamén porque tódolos investidores coincidiron neste punto: o alto potencial que existe na nosa terra para desenvolver negocios de alicerce tecnolóxico.
O Clúster TIC, neste senso, comparte as palabras pronunciadas por Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no acto de clausura do evento, en referencia a que a nosa terra conta con “as bases para abordar grandes proxectos tecnolóxicos, nos que precisamos non só ás grandes multinacionais, senón tamén ás PEME tecnolóxico-dixitais e a startups que sumen as súas iniciativas innovadoras e proxectos transformadores”.
En palabras do propio Clúster TIC Galicia, todos estes datos non fan máis que confirmar e consolidar á propia plataforma empresarial no camiño de pór en marcha foros que reúnan a emprendedores tecnolóxicos e investidores, afianzando o seu papel no fomento de novas empresas do sector. Asemade, anunciou que colaborará estreitamente con todas as entidades involucradas no fomento das novas empresas e o investimento para mellorar as oportunidades de todos os novos emprendedores tecnolóxicos.
Pola súa parte, Xesgalicia, entidade colaboradora que estivo representada en VCN”13 polo seu director xeral, Juan Cividanes, cualificou o desenvolvemento do evento como “moi positivo en todos os sentidos” e salientou a “notable cualificación dos proxectos presentados”.
Pola súa banda, Novagalicia Banco, outra das entidades colaboradoras, amosou a súa satisfacción polo éxito de VCN´13. A xuízo da entidade financeira, “iniciativas como a de Vindeira contribúen a superar a barreira do financiamento e axudan a que cristalicen ideas innovadoras e startups, achegando un valor engadido á contorna empresarial galega”, destacou o director do Gabinete de Presidencia de Novagalicia, Santiago Novoa.
O Concello de Santiago de Compostela estivo representado na presentación e clausura de Vindeira pola concelleira de Economía, Reyes Leis Rodríguez, quen puxo de manifesto a importancia de desenvolver eventos que acheguen o financiamento aos proxectos emprendedores e felicitouse porque o foro tivese como sede a capital de Galicia.
Armando Guerra, de Ambar Venture Capital, sinalou que eventos como Vindeira ofrecen aos investidores unha oportunidade para ter “unha primeira toma de contacto importante que lles permita coñecer os proxectos, aos propios emprendedores e as necesidades de investimento que estes teñen para lanzar ou impulsar o desenvolvemento das súas ideas de negocio”.
Alberto Camba, un dos impulsores de Neteleven (unha das propostas de negocio presentadas), expuxo tamén unha valoración positiva do desenvolvemento de Vindeira Capital Network nas súas diferentes fases. O emprendedor destacou especialmente a achega da etapa formativa (Vindeira Venture Academy) que lle supuxo “unha importante axuda para entender os intereses dos investidores e mellorar o enfoque do produto”, segundo indicou. Camba explicou tamén que, tras o foro de investimento, Neteleven está xa en contacto con dous investidores interesados na startup, e non dubida á hora de indicar que recomendaría aos emprendedores con ideas de negocio de base tecnolóxica que participasen na próxima edición de Vindeira Capital Network.
Pola súa parte, José Higinio García, responsable do proxecto Kiply, sinala que a súa experiencia mellorou “coma da noite ao día” tras pasar pola fase formativa de Vindeira Capital, na que traballou especialmente as habilidades de comunicación, axudado por un mentor. Do encontro con investidores destaca a “variedade de perfís” que se deron cita e tamén o amplo abano de oportunidades dispoñibles. No seu caso, asegura ter mantido o tipo de contactos que pretendía, aínda que recoñece que as negociacións cos investidores contactados están aínda nunha fase incipiente.
Proxectos participantes no foro de investimento de VCN”13
-Do ámbito do TIC
· Cilenis. Ofrece solucións e produtos baseados a investigación no procesamento da linguaxe natural e a enxeñaría lingüística. Desenvolve software con filosofía de código aberto para ofrecer solucións avanzadas que melloran o acceso, tratamento e organización do coñecemento.
· Creappcuentos. Desenvolveu unha aplicación para Android e IOS que permite a creación de contos ou historias dixitais de forma sinxela e intuitiva, logrando que nenos e pais interactúen e estimulen a súa creatividade e a imaxinación usando unha ferramenta visual e intuitiva.
· Escompring. Puxo en marcha unha plataforma na que produtores e consumidores poden comerciar de maneira directa, sen intermediarios. Deste xeito, o produtor dispón dunha tenda en liña sen ter que realizar ningún investimento e o consumidor pode mercar a prezos de orixe.
· Kiply. Solución que permite recoller de forma automática información útil e detallada daqueles traballadores que empreguen decote dispositivos electrónicos. Só é preciso instalar un pequeno paquete de software nos seus dispositivos e comezarase a recompilar información totalmente confidencia acerca do seu “eu profesional”.
· Neteleven. Desenvolve software para a obtención de datos estatísticos avanzados de eventos deportivos en tempo real, con aplicacións específicas para clubs e equipos profesionais, medios de comunicación e casas de apostas.
· OSM Lab. Aplica a tecnoloxía á biomecánica clínica. Implanta laboratorios para a valoración do dano corporal, a valoración científica dos problemas músculo-esqueléticos e da ergonomía, a avaliación das posturas e a análise de cargas.
· Signedoc. Propón ás empresas un servizo para xestionar e asinar os seus contratos, pedidos, facturas, e outros documentos, axilizando a súa forma de enviar e recibir documentación asinada de maneira electrónica. A través da web úsanse certificados electrónicos para asinar a documentación.
· Sinaturas. Desenvolve e comercializa unha solución software para a emisión e xestión de títulos formativos a través de medios dixitais, o que permite obter importantes reducións de custos.
· Torus. Traballa en servizos de computación e comunicacións orientados aos sectores das finanzas, telecomunicacións, tecnoloxías da información, enerxía, defensa e industria aeroespacial.
· Gamifik: Tecnoloxía que permite aos negocios retail crear un sistema de xestión e mantemento cos clientes baseados na metodoloxía dos videoxogos, móbil e propio.
· Tiivii: Novas canles de televisión á carta con contidos personalizados segundo gustos e intereses do usuario.
Do ámbito da biotecnoloxía
· Software for Science Developments (AFFINImeter). Plataforma computacional para a análise de medidas de afinidade, agregación e disociación molecular.
· MD.Use! Aplica a supercomputación a sistemas biolóxicos e deseño de materiais, para realizar os experimentos do futuro.
·DART. Desenvolvemento de cámaras de ionización líquida para control de calidade en radioterapia.
· Bialactis. Empresa biotecnolóxica baseada na investigación, produción e comercialización de ingredientes funcionais innovadores, especialmente probióticos.
Vindeira Capital Network bate récord de investidores convocados: un total de 35
Compartir Este Artigo
