Xa hai gañadores da nova edición dos premios Website do Ano, segundo os seus impulsores os galardóns máis importantes a nivel estatal que se conceden a páxinas web por votación popular. Dáse a circunstancia de que este ano as cifras semellan en xeral especialmente altas, tanto en relación a anteriores edicións como en relación a outros certames semellantes. Así, rexistráronse nesta convocatoria ata 240 webs nomeadas en máis de 20 categorías e emitíronse máis de 126.000 votos entre o sete de outubro e o 15 de novembro. Informar tamén, para non levar a confusión, de que cada categoría incluíu dous premios: un de Mellor Website (que se entrega ao sitio coa maior puntuación media por contido, navegación e deseño) e outro de Website Máis Popular (que se entrega ao sitio co meirande número de votos).
Na categoría Automoción, os gañadores de Mellor Website e Website Máis Popular foron os espazos en liña de Seat e Coches.net, respectivamente. En Carreira Profesional impuxéronse Laboris.net e Trabajos.com. En Comunidade e Redes Sociais fíxoo Habbo, que acaparou os dous premios da categoría. Isto mesmo tamén o fixo Meetic, o portal de amizade e encontros, na modalidade de Páxinas para atopar parella. En Educación e Dominio Público impuxéronse a Wikipedia e Lotarías e Apostas do Estado. En Finanzas gañaron SociosInversores e Paypal. En Xogos fíxoo Zylom. En Saúde e Benestar os primeiros premios foron para Consultaclick España e Perfume´s Club. En Obras Benéficas gañaron UNICEF e Cruz Vermella. En Vivenda e Interior a gañadora foi a web de Ikea. A web de El País impúxose na categoría de Novas e Información. Tripadvisor e Subasta de Ocio fixérono en Ocio e Viaxar. Privalia e Beruby en Compras. En Comida e Bebida obtiveron máis votos Just Eat e Eltenedor.es. Sport.es e Marca, pola súa parte, impuxéronse en Deportes, e en Telecomunicacións Yoigo e Movistar, respectivamente. O servizo Youtube proclamouse vencedor da modalidade Medios de comunicación e lecer. E Rastreator fixo o propio coa categoría Páxinas para comparar prezos. As web de AEMET e El Tiempo foron as máis votadas en Tempo e Tráfico. E para rematar, Google para móbiles impúxose na modalidade de Webs para móbiles.
Os internautas xa elixiron as mellores web de ámbito estatal
Compartir Este Artigo
