A semana pasada a Universidade da Coruña acolleu a presentación do Posgrao de Especialización en Xestión Empresarial e Tecnoloxía da plataforma XEMTE. A achega formativa foi presentada por Víctor Carneiro, coordinador do mesma. Na cita estivo acompañado do vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde, e do director xeral da empresa colaboradora Emetel, Manuel Lago. A iniciativa XEMTE, fíxose saber, vai directamente encamiñada a poñernos na vangarda da aplicación rápida e efectiva da tecnoloxía en procesos empresariais, industriais e empresariais. A plataforma, formada por empresas, colexios profesionais e institucións, pon en marcha este curso (da man da UDC) para formar en novas tecnoloxías e procesos produtivos a alumnos que estean a rematar os estudos ou recentemente graduados das enxeñerías informática, telecomunicacións, industriais, matemática ou física.
O título en cuestión, propio da UDC, conta con 625 horas das cales 350 son presenciais. Está dirixido a tecnólogos, das devanditas carreira técnicas, pero tamén a profesionais que acrediten coñecementos básicos necesarios para participar no mesmo. A inscrición comeza o próximo 9 de decembro e os estudos levarán a cabo entre o 23 de xaneiro e o 28 de xullo de 2014.
A plataforma XEMTE aglutina universidades (entre as que se atopa a UDC) e empresas (ata 20, entre as que se atopan Emetel, Cultura de Comunicación, Excelia, Altia, STD, Microsoft, …) que actúan como impulsores da iniciativa: proporcionando docentes, alumnos, financiando parte da formación dos alumnos, e achegando a súa visión empresarial; institucións (como o Concello da Coruña, que achega instalacións, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); axentes sociais (Colexio de Enxeñeiros Informáticos, Colexio de Enxeñeiros en Telecomunicación, …), e entidades financeiras (como Banco Etxeverría).
En canto ao devandito programa formativo que abrolla de XEMTE, sinalar que a través del abórdanse as distintas opcións tecnolóxicas que poden impulsar, dinamizar, potenciar as áreas empresariais de xestión das persoas e o talento, finanzas, cultura empresarial, calidade e seguridade, mercadotecnia e vendas, estratexia empresarial, proxectos, produción e loxística e servizos. Rematará cun traballo fin de posgrao que aglutine os coñecementos adquiridos. O programa está orientado a dar un enfoque innovador e eminentemente práctico a esta formación, onde prime a experiencia do docente (cóntase con docentes da universidade e profesionais de recoñecido prestixio empresarial) na realidade empresarial e no coñecemento das ferramentas tecnolóxicas. “Os alumnos terán acceso ás mellores ferramentas tecnolóxicas e centrarémonos no seu coñecemento orientado ás necesidades empresariais”, sinalou Carneiro, que engadiu que contan ademais “coa vantaxe de dispor de case 30 profesores para 20 alumnos o que nos permite personalizar en maior medida a docencia”.
A UDC pon en marcha un posgrao para aplicarmos máis e mellor tecnoloxía nos procesos produtivos
Compartir Este Artigo
