Dous membros do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) -máis en concreto o director xerente, Javier García Tobío, e o subdirector técnico, Ignacio López Cabido- visitaban o pasado luns 2 de decembro o Centro Universitario da Defensa na Escola Naval Militar de Marín (Pontevedra). O obxectivo desta visita era o de establecer unha liña de colaboración entre ambas institucións de cara ao futuro. Para iso, o director do Centro Universitario da Defensa -José María Pousada- encargouse de amosar as peculiaridades docentes e de investigación deste centro.
Pola súa banda, o director xerente do CESGA presentou ao equipo directivo do CUD os recursos e proxectos nos que participan, e explicoulles que -como centro de cálculo, comunicacións de altas prestacións e servizos avanzados- ten como misión contribuír ao avance da ciencia e a técnica, mediante a investigación e aplicación da computación outros recursos das tecnoloxías da información, en colaboración con outras institucións, para o beneficio da sociedade.
Para rematar, os convidados do CESGA percorreron as instalacións onde se forman e conviven os futuros oficiais da Armada, e puideron ver de preto o simulador de navegación, as aulas e laboratorios docentes, a biblioteca académica, o Casino de Alumnos e o propio Centro Universitario da Defensa.
O CESGA achégase ao Centro Universitario da Defensa en Marín
Compartir Este Artigo
