A Fundación Feiras de Lugo vén de asinar un convenio de colaboración coa empresa Spyko para pór ao alcance dos usuarios e visitantes do Pazo de Feiras da cidade importantes descontos e vantaxes con respecto aos actos organizados neste recinto. Máis polo miúdo, o acordo materialízase a través dunha aplicación gratuíta desenvolvida por Spyko, achegada para pór en contacto directo e en tempo real ás empresas e entidades cos clientes e usuarios dos seus servizos. A ferramenta, que é de balde e permite a selección de múltiples ofertas procedentes dun importante número de empresas, pódese descargar xa en Google Play ou na App Store.
No caso do convenio coa Fundación Feiras de Lugo, a aplicación ofrecerá unha gran variedade de produtos, servizos e promocións que inclúen un bo número de descontos. O primeiro que terán que facer os visitantes e usuarios do Pazo para tirarlle partido á ferramenta é rexistrarse como usuarios, seleccionando o sector polo que sintan especial interese (viaxes, moda, tecnoloxías, lecer), e a partir de aí a aplicación amosará as ofertas máis próximas. Unha vez que os usuarios elixan unha oferta, adquiren un vale do que disporán no seu móbil e poderán trocar polo produto ou servizo buscado e escolmado no negocio que o oferte. “É dicir”, explicaron a Fundación Feiras de Lugo e Spyko, “que se un cliente merca con desconto a través de Skypo, cando acuda á tenda a pagar por ese produto aplicaráselle o desconto devandito”.
Arestora, Skypo ofrece xa entradas anticipadas e ofertas para os eventos organizados no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.
Spyko achega o seu servizo para móbiles aos usuarios e visitantes do Pazo de Feiras de Lugo
Compartir Este Artigo
