As tendas de Apple están iniciando unha pequena revolución no xeito de comunicarse cos seus clientes, pois estes días están a comezar a facer uso dunha tecnoloxía de comunicacións sen fíos, iBeacon, que pretende suplir a ausencia da cobertura do GPS no interior dos establecementos para poder achegar información aos usuarios.
Os iBeacon son pequenos dispositivos repartidos polas tendas, que poden comunicarse cos smartphones de usuarios que, neste caso, teñan no seu móbil a aplicación oficial das Apple Store e teñan autorizado a recepción de mensaxes a través desta tecnoloxía, de xeito que, de ter o Bluetooth acendido, recibirán notificacións en función da parte da tenda na que se atopen: por exemplo, de achegarse á área onde están expostos os novos iPhone, convidarase aos usuarios de modelos anteriores a probalos para ver se están interesados en actualizar o seu terminal.
Pero esta tecnoloxía que botou a andar nas tendas de Apple o pasado venres non vai limitarse aos establecementos da compañía da mazá, senón que outras compañías queren empregar iBeacons nas súas instalacións, de xeito que poden crear unha especie de GPS de interiores (o que nas tendas de Apple conseguen instalando uns vinte emisores de baixo consumo), accesible dende as súas aplicacións oficiais, como xa ten pensado facer a Liga Profesional de Béisbol nos EE.UU.
Apple comeza a utilizar unha tecnoloxía de localización en interiores nas súas tendas
Compartir Este Artigo

