O noso compañeiro Manuel Gago segue adiante co seu labor tecnolóxico-cultural: amosando o noso rico patrimonio no acubillo da Rede (un acubillo de preservación e tamén de reivindicación de medidas que axuden a conservalo), a través do blog de seu e de patrimoniogalego.net, e tamén mediante as múltiples actividades de posta en valor do noso levadas a cabo pola páxina do Consello da Cultural Galega, web que el dirixe. Pois ben, xa nun terreo máis persoal, estes días volve abrir camiños entre a mesta vexetación da Internet cun xeito moi particular de presentar o libro Vento e Chuvia (Xerais), o seu achegamento ás cousas que aconteceron na nosa terra durante a Idade de Ferro.
Cousas que xa podemos ver xa nunha máis que completa web propia e que a comunidade en liña tivo ocasión de coñecer durante a sesión de streaming celebrada este luns para presentar a devandita obra e na que participaron os autores Manuel Gago e Manuel Cráneo (ilustrador de Vento e Chuvia) e o editor Manuel Bragado dende diferentes recantos da nosa terra. Segundo se contou, estamos ante o que ben se podería cualificar de libro estendido ou trasmedia. Na presentación déronse unhas cantas claves para irmos entendendo o porqué destas etiquetas, tanto de contido como de metodoloxías empregadas (Gago foi respondendo a preguntas que lle chegaban a través da súa páxina web, do Facebook de seu ou do correo electrónico). De tódolos xeitos, foi o propio editor de Xerais quen explicou a natureza trasmedia do proxecto: unha achega que vai alén do que pode ser unha publicación tradicional en papel e que amosa, polo contrario, unha “edición híbrida”, presentando cousas propias da edición audiovisual (como por exemplo material extra para descargar a través da web ventoechuvia.com, ou un importante despregue de merchandaising), cousas propias dunha actividade de alcance cultural e etnográfico (inclúese o desenvolvemento de obradoiros educativos para centros da nosa terra de primaria e secundaria) e cousas propias dun desenvolvemento TIC (con presentacións en streaming, sitios propios en YouTube, Facebook e Twitter, unha moi coidada web propia, destacable tanto na forma como no contido), etc.
Presentación do libro á diáspora galega a través dun Hangout de Google+
Manuel Gago amosa ante a Rede o seu libro transmedia: Vento e Chuvia
Compartir Este Artigo
