Finalmente o Goberno galego e máis a compañía Telefónica fixeron oficial este mércores en Santiago a formalización dos alicerces para o Centro de Emprendemento TIC que vai acoller a Cidade da Cultura de Galicia, da man de ámbalas dúas entidades. Na presentación deste vindeiro complexo empresarial, que se desenvolveu precisamente no monte Gaiás, fíxose fincapé en cuestións como o Paco Dixital coa Xunta ao que se adheriu recentemente Telefónica (xunto con outras empresas punteiras do sector, pacto do que emana o Centro Empresarial anunciado), ou na capacidade de acollemento de iniciativas de mercado que vai ter o complexo: Telefónica anunciou que haberá potencial para acubillar e potenciar, nunha etapa inicial, ata sesenta proxectos. No acto participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a directora de AMTEGA, Mar Pereira, o presidente de Telefónica España, Luis Miguel Gilpérez, e o director de Telefónica en Galicia, Manuel Alonso, entre outros.
En definitiva, que a cita deste mércores cos medios serviu entre outras cousas para amosar a materialización do compromiso achegado recentemente por Telefónica a prol do noso pulo tecnolóxico-dixital, avanzándose as liñas xerais do Centro de Emprendemento TIC do Gaiás. Segundo fixo saber no transcurso do acto Manuel Alonso, director de Telefónica en Galicia, a intención da operadora “é descubrir e axudar a desenvolver o talento da nosa terra”. Alonso tamén avanzou que haberá todo tipo de ferramentas, servizos e recursos a disposición dese talento, “e estaremos abertos á colaboración de terceiros, como por exemplo centros de investigación ou universidades”. Tamén avanzou que o Centro de Emprendemento contará con espazo de coworking, asesoramento, achega de servizos e ferramentas de comunicación e de formación, etc. A idea, dixo, “é potenciar a creatividade e a inspiración”. Nun principio, como dixemos, proponse unha capacidade de ata sesenta iniciativas empresariais. Todas elas terán ao seu dispor espazos de traballo de índole individual e tamén outros de feitura colectiva, que responden ao ideario de Telefónica de que o traballo conxunto, a comunicación diaria entre empresarios, contribúen e moito á mellora de cadansúas iniciativas de mercado. En breve porase en marcha unha fase previa de exame na que se avaliarán polo miúdo as propostas recibidas por parte de profesionais experimentados do sector, examinando o potencial de cada unha. “Queremos contribuír ao fortalecemento do sector TIC galego”, engadiu Alonso, que lembrou que é un sector que existe, ante todo, e que só precisa de oportunidades para desenvolverse.
Pola súa parte, Luis Miguel Gilpérez, presidente de Telefónica España, tamén presente no acto celebrado no Gaiás, comezou a súa intervención dicindo que a operadora desexa ante todo ser unha compañía local, tan galega como pode ser calquera outra. Lembrou que a firma que dirixe investiu 650 millóns de euros en Galicia nos últimos seis anos, e que só en 2014, achegaranse case 140 millóns para o fortalecemento das infraestruturas de comunicación na nosa terra e, tamén, para apuntalar o emprego, fixo saber. Froito deste compromiso é a creación do Centro de Emprendemento TIC. O presidente de Telefónica España salientou que o propósito principal deste complexo é “fornecer aos emprendedores galegos os coñecementos en tecnoloxía que poidan precisar, ademais de formalos, orientalos, axudalos a buscar financiamento e a utilizar a experiencia acumulada por Telefónica para que os seus proxectos sexan viables e sustentables no tempo”.
Alonso e Gilpérez tamén fixeron saber que para o funcionamento e operativa deste centro, Telefónica habilitará unha partida orzamentaria por valor de 850.000 euros anuais. Asemade, comezará a funcionar no primeiro trimestre de 2014. A iniciativa desenvolverase en dúas fases. Na primeira levaranse a cabo labores de captación de proxectos e porase en contacto aos emprendedores con investidores, expertos e outros axentes. Nesta etapa, o centro poderá acoller de forma simultánea ata 60 emprendedores, aos que se lles facilitará o contacto con futuros axentes de financiamento e poderán acceder á plataforma de innovación en liña de Telefónica Open Platform. Na segunda fase, buscarase converter o centro nunha aceleradora de proxectos TIC inspirada en Wayra (tamén iniciativa de Telefónica) e con capacidade para impulsar ata 8 iniciativas de xeito simultáneo.
O acto de presentación rematou coa intervención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que fixo saber que “a posta en marcha do dito centro crea na Cidade da Cultura un punto de encontro para o talento TIC no que os emprendedores do sector poderán desenvolver os seus proxectos e recibir orientación e formación”. Salientou tamén estamos ante un dos primeiros froitos do Pacto Tecnolóxico asinado en xullo entre a Xunta e 10 empresas do sector TIC a nivel nacional e internacional e o Cluster TIC de Galicia, ao que recentemente se adheriu Telefónica, “e que constitúe o primeiro acordo deste tipo que se asina en España coa fin de promover o desenvolvemento dixital dunha Autonomía”, explicou. Asemade, sinalou que “a creación do centro de coworking na Cidade da Cultura supón aproveitar un espazo recoñecido e senlleiro para que actúe como icona de atracción e punto de encontro para todos os axentes do ecosistema do emprendemento TIC”. O obxectivo deste proxecto, engadiu, é detectar e potenciar o talento e ofrecer aos emprendedores do sector TIC de Galicia a oportunidade de sacar adiante as súas iniciativas.
As cifras da operadora na nosa terra
Segundo lembraron Gilpérez e Alonso, nos últimos seis anos Telefónica investiu en Galicia máis de 650 millóns de euros. Asemade, “acadou en 2012 os 2,2 millóns de accesos e mantén neste momento 250 puntos de venda, empregando de forma directa a 1.277 persoas e máis de 2.000 de forma indirecta”. En 2012 efectuou compras por valor de 26,5 millóns de euros a 31 empresas galegas. “Na actualidade”, lembraron, “Telefónica está mergullada na modernización das súas infraestruturas en Galicia, co obxectivo de chegar a finais de 2014 ao 50% da poboación galega con 4G e Fibra óptica ata o fogar (FTTH), as redes fixas e móbiles máis avanzadas do mundo”. A maiores, anunciaron que a finais deste ano, a rede 4G de Movistar acadará “a 800.000 habitantes e a finais de 2014 esta cifra elevarase a 1,2 millóns, con 300 estacións base dotadas con esta tecnoloxía plenamente operativas”. En FTTH, 100.000 fogares galegos “terán esta tecnoloxía a finais deste ano e un total de 360.000 cando finalice 2014”, engadiron.
