A Fundación Vodafone convocou os Mobile for Good Europe Awards, que teñen como obxectivo premiar as mellores aplicacións móbiles deseñadas para Android e iOS de cara a facer máis doada a calidade de vida das persoas amais de xerar un beneficio público. A iniciativa conta co apoio de AGE Platform Europe, plataforma europea que traballa a prol das persoas maiores e o European Disability Forum, entidade que representa a persoas con discapacidade en Europa. Emporiso, a edición deste ano xa ten gañadores e dous son españois. Máis polo miúdo, Contigo na modalidade de Saúde e Dyseggxia na de Educación.
A aplicación Contigo fíxose co primeiro premio na categoría de Saúde. Desenvolvida por Wake App Health, Contigo foi creada coa colaboración 16 mulleres que superaron un cancro de mama e expertos médicos. A súa meta é dar apoio a todas aquelas mulleres que sofren a enfermidade, desde o intre do diagnóstico e a través de todo o tratamento. Dispón de testemuñas persoais, gráficos interactivos e rigorosos contidos médicos.
Pola súa banda, Dyseggxia levou o máximo galardón na categoría de Educación. É unha app realizada por Cookie Cloud que, a través do xogo, axuda aos nenos con dislexia a superar as súas dificultades para aprender a ler e escribir. Integra exercicios con base científica que piden ao usuario completar e separar palabras ou reordenar letras. As tarefas que os nenos deben resolver están sustentadas na investigación que Luz Rello (unha das integrantes do equipo de traballo), está a levar a cabo na súa tese doutoral sobre dislexia na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.
Na categoría de Accesibilidade o xurado decidiu premiar a aplicación ColorADD, que axuda ás persoas con daltonismo a entender mellor as cores e asegurar a accesibilidade para todos cando a cor é un factor de identificación, orientación ou selección.
Por último, Bribespot, un servizo anónimo que permite reportar pequenos subornos e casos de corrupción, foi a máis salientada de Servizos Públicos.
Este ano o Mobile for Good Europe acolleu 224 candidaturas, das que 91 foron españolas. Un xurado especializado seleccionou as tres mellores apps de cada unha das categorías. Dos doce finalistas seis foron españois. Cada categoría repartiu 50.000 euros entre as tres aplicacións mellor valoradas polo xurado, 30.000 euros para o gañador, 15.000 euros para o segundo e 5.000 euros para o terceiro. En resumo, un total de 200.000 euros foron repartidos entre as mellores aplicacións móbiles de catro categorías: Educación, Saúde, Accesibilidade e Servizos Públicos.
Vodafone dá a coñecer os premiados no seu certame europeo de tecnoloxía social
Compartir Este Artigo
