O pasado venres 13 de decembro tiña lugar a cerimonia de inauguración da TV Dixital de libre recepción na rexión dos Andes (Chile), detrás da que se atopa EGATEL, empresa galega especializada na investigación, desenvolvemento e fabricación de produtos e sistemas de radiofrecuencia encamiñados a transportar ou difundir sinais de televisión (tanto analóxica coma dixital) e sinais de radio dixital para cubrir as necesidades do mercado broadcast profesional global. Na cerimonia en cuestión -levada a cabo no Inca Hoteles ás 11.30 do día 13- exercían como anfitrións D. Matías Palau (da Subsecretaría de Telecomunicacións), quen agradeceu a colaboración de EGATEL, e D. José Andrés Gálvez Valenzuela (xerente xeral de VTV Vale Televisión).
Máis polo miúdo, EGATEL achegou un Transmisor UHF de Televisión Dixital Terrestre de 300W para a norma ISDB-Tb, modelo TE9301, e colaborou na súa posta en marcha. Deste xeito apóiase o labor de Subtel no actual proceso de dixitalización da televisión no país chileno, permitindo dar a coñecer as vantaxes da TDT fronte á televisión analóxica convencional, nun intre no que se está rematando de lexislar a súa introdución. O modelo e potencia do transmisor seleccionouse atendendo a un deseño de rede baseado en equipos compactos de media potencia. Esta é a configuración óptima para introducir a Televisión Dixital ao longo da extensa xeografía do país.
A galega EGATEL participa na transmisión da TDT na rexión chilena dos Andes
Compartir Este Artigo
