Co obxectivo de traballar a prol da normalización da presenza de espazos web propios nas nosas empresas, está a afianzarse dende Ourense un novo servizo chamado Initcoms.com, que é o instrumento visible dunha empresa do mesmo nome dende a que se achegan, a xeito de promoción, “páxinas web profesionais de alta calidade para profesionais ou PEME de calquera sector a un custe inferior a 0,7 euros ao día”. Segundo nos contan os seus responsables, o obxectivo deste lanzamento é que “dunha vez por todas, as nosas empresas non teñan escusa para non contar con presenza en Internet, a través dun sitio web potente (baseado en HTML5, CSS3 e Responsive Design) e moi económico”. Initcoms.com é unha iniciativa de Javier Riestra Merino e máis Carlos del Río.
Tanto Javier como Carlos teñen claro que os proxectos desenvolvidos dende a súa empresa son tan grandes como o cliente precise en cada intre, son adaptables a calquera demanda ou evolución, medran segundo se requira e poñen ao alcance da man dos profesionais “servizos indispensables que fan que a web ou a tenda en liña estea sempre actualizada tanto dende o punto de vista visual como a nivel de programación”. Estes servizos, por certo, préstanse con independencia de se Initcoms fose ou non a encargada de desenvolver o proxecto.
A empresa
Initcoms é unha empresa de enxeñaría de software con base en Ourense especializada no deseño web, o comercio electrónico e o desenvolvemento de aplicacións informáticas. Conta con experiencia na creación de todo tipo de programas e ferramentas informáticas, tanto para pequenas e medianas empresas, como aplicacións de misión crítica para grandes empresas. “A nosa forma de traballar”, sinalan Javier e Carlos dende a súa web, “fundaméntase en escoitar ao cliente, entender as súas necesidades e pór en marcha as solucións que mellor se adapten a elas”. E engaden: “Non nos limitamos a realizar un bo traballo, senón que o noso obxectivo sempre é superar as expectativas dos nosos clientes, presentándolles un resultado mellor do agardado”.
A galega Initcoms lanza unha promoción de webs empresariais a un custe de menos de 0,7 euros ao día
Compartir Este Artigo
