Este martes celebrouse na Casa das Campás de Pontevedra o seminario Emprendemento cultural e creativo, unha sesión divulgativa e formativa dirixida a fomentar o fluxo de ideas e experiencias arredor das posibilidades profesionais que achega a día de hoxe o ámbito cultural. En certa maneira, o evento foi unha prolongación do salón Culturgal, a feira da nosa industria creativa celebrada hai pouco en Pontevedra, precisamente, onde unha vez máis púxose de manifesto que as redes e o dixital son a día de hoxe unha boa materia prima para todo o que teña que ver coa arte, o deseño, a literatura, o xornalismo ou a comunicación. Pois ben, esta, coas súas variantes, tamén foi a conclusión do seminario: que o financiamento obtido a través das redes e os vieiros de difusión que estas abren son fundamentais, case vitais, para o sector.
Máis polo miúdo, os participantes no evento estiveron de acordo nas grandes potencialidades que achega o feito de percorrer á comunidade en liña para obter financiamento (mellor a unha comunidade a xeito de cooperativa de pequenos investidores que a unha entidade bancaria ou a unha institucións, sinalaron). Asemade, coincidiron en ver unha serie de vantaxes a ter moi en conta no emprego das redes sociais para a difusión dun proxecto cultural ou creativo.
O seminario, desenvolvido baixo o nome de AlmorzoCampás, combinou o relato de tres expertos en industrias culturais co café, o zume e os biscoitos, “xerando o ambiente idóneo para o posterior intercambio de impresións entre relatores e alumnado”, informa a Universidade de Vigo (organizadora da actividade). A sesión centrouse sobre todo no mundo da creatividade e, máis en detalle, en ofrecer ás persoas asistentes diferentes alternativas para converter as súas ideas nun proxecto empresarial. O almorzo combinou o relato de Nuno Alves sobre a posta en funcionamento dun proxecto concreto (a canle portuguesa Canal 180) coa exposición da alternativa para o financiamento que constitúe o crowdfunding, que levou a cabo Marta Pizarro; e coas reflexións sobre o valor das redes sociais como canle para a difusión dunha iniciativa empresarial do experto en márketing online, Víctor Gómez.
Volvendo a Marta Pizarro, directora de de comunicación de Lanzanos.com, dicir que definiu o crowdfunding como un sistema de financiamento no que “en lugar de pedir unha grande cantidade de diñeiro a unha institución, pídense moitas pequenas á comunidade”. E dixo: “A través de plataformas como Lanzanos.com, aquelas persoas que teñen unha idea pero non recursos para sacala adiante expoñen na Rede o seu proxecto e as persoas ás que lles interesa contribúen a este cunha cantidade económica á medida das súas posibilidades, recibindo a cambio unha recompensa; que pode ir da copia dun disco no caso dun proxecto musical á unha canción personalizada”, comentou Pizarro, que tamén fixo fincapé nas case 400 iniciativas para as que se recadaron cartos (preto de tres millóns de euros) ao longo dos últimos anos a través deste método de financiamento na plataforma Lanzanos.com.
Pola súa banda, Víctor Gómez, socio fundador de Restauraacción, empresa especializada no asesoramento en materia de mercadotecnia e comunicación a empresas do sector hostaleiro, sinalou que “as redes sociais son agora mesmo a canle máis natural e efectiva para chegar a un consumidor, dado que este tamén forma parte desas mesmas redes sociais”. Ao seu xuízo permiten “chegar a persoas individuais, fronte á comunicación de forma masiva a través dos medios tradicionais”.
Expertos en industrias culturais avogan en Pontevedra polo financiamento comunitario e as redes sociais
Compartir Este Artigo
