Na mañá deste martes presentábase na sede da Deputación da Coruña a Factoría de Innovación da Coruña, unha iniciativa promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo. A Factoría de Innovación da Coruña é un novo Centro de Excelencia adicado ao desenvolvemento do potencial innovador das PEME e organizacións empresariais galegas, que ten por obxectivo facer máis doada a posta en marcha de proxectos innovadores para as empresas, que contribúan a dinamizar a súa actividade empresarial e mellorar os seus procesos de produción e xestión, favorecendo a introdución de iniciativas de I+D e Innovación.
Para acadar os seus obxectivos, a Factoría de Innovación da Coruña achegará, ata decembro de 2014, un Programa de Adestramento Individualizado e un amplo Programa de Actividades en Aberto en toda a provincia da Coruña. No Programa de Adestramento Individualizado, a Factoría de Innovación facilitará que as empresas beneficiarias poidan identificar, definir e pór en marcha un proxecto innovador, co fin de ser máis competitivas no sector no que operan. Para iso, dotaráselles das habilidades de xestión precisas e apoio, desde a xeración da idea ata a súa comercialización. Poderán participar pequenas e medianas empresas, asociacións e organizacións que teñan o seu centro de actividade ou conten con algún centro de traballo en Galicia, con preferencia na provincia da Coruña. A participación é gratuíta e está limitada, na súa primeira fase, a 101 PEME galegas, que serán seleccionadas seguindo os criterios establecidos na convocatoria oficial. As empresas pódense inscribir -ata o 30 de xaneiro- a través da páxina web habilitada.
Pola súa banda, o Programa de Actividades en Aberto estará composto por un completo programa de máis de 50 actividades prácticas, que permitirán aos asistentes activar e reforzar a innovación nas empresas: visión global, deseño, tecnoloxía, orientación, financiamento, etc. Cunha tipoloxía moi variada –showrooms de tendencias, adestramentos, demolabs, seminarios, etc.- este programa fomentará que as empresas sexan de certo innovadoras e sustentables, actuando como activos dinamizadores do tecido empresarial rexional e incrementando a competitividade industrial.
Engadir, por último, que a presentación da Factoría de Innovación da Coruña contou coa presenza de máis dun centenar de empresarios e de Jeff Butler, experto en innovación e editor de Technovation e MIoIR Associate, quen salientou que este proxecto contribuirá a crear a unha “rexión de empresas innovadoras”.
Nace a Factoría de Innovación da Coruña, unha xanela aberta para que máis de 100 empresas fagan realidade o seu proxecto
Compartir Este Artigo
