O pasado mércores 18 de decembro tiña lugar no campus de Ourense a entrega de premios da 13ª edición do Concurso de Proxectos Tecnolóxicos Expourense. Aberto á participación do alumnado das titulacións de tecnoloxías da información e as comunicacións das universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, egresados da Universidade de Vigo, concretamente da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, foron os que acadaron unha mellor puntuación do xurado. Máis polo miúdo: un repartidor virtual de publicidade para pequenas empresas e un sistema de xestión e optimización de vistas a clientes e distribución de pedidos foron os dous proxectos gañadores deste certame.
Ana Garriga -directora da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense ESEI-, Alejandro Rubín -xerente de Expourense- e Rosendo Fernández -vicepresidente da Deputación Provincial- foron os encargados, trala reunión do xurado, de anunciar os proxectos gañadores e de entregar os premios aos seus autores.
O certame constou de dúas modalidades, concedéndose premios por valor de 1400 euros. Na modalidade A podían participar, cos seus traballos fin de carreira, os estudantes dos títulos de Grao en Enxeñaría Informática; Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías da Telecomunicación; Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Técnica de Telecomunicación. O primeiro premio foi para o egresado da ESEI Iván Varela polo seu repartidor virtual de publicidade. “Take it é un sistema de publicidade que apoia ao pequeno comercio facendo máis doado o xeito de chegar aos seus clientes empregando as novas tecnoloxías. A plataforma proposta permitirá ás empresas dar a coñecer os produtos e ofertas das súas tendas mediante o uso de tres plataformas: un espazo web, unha aplicación móbil e a articulación de Google Maps como ferramenta de unión entre vendedor-cliente e cliente-oferta”, explicou o autor do proxecto.
Nesta mesma modalidade, Diego Antón Cerqueira, tamén egresado da ESEI, levou o segundo premio por unha aplicación gHRV para Android, unha aplicación de uso clínico que permite realizar unha análise gráfica da variabilidade da frecuencia cardíaca. Por último, Pablo Belay, da Universidade da Coruña, levou o terceiro premio por xeoPesca, unha aplicación web para a xeolocalización da pesca de baixura.
O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos tamén convocou unha modalidade B á que podían optar os estudantes das titulacións de Enxeñaría en Informática, Enxeñaría de Telecomunicación e traballos fin de máster de mestrados oficiais relacionados co eido das tecnoloxías da información e das comunicacións. Neste caso, o primeiro premio foi para Diego Calvo, tamén egresado da ESEI, polo sistema de xestión e optimización de visitas a clientes e distribución de pedidos que desenvolveu para unha senlleira empresa de distribución en Galicia. O obxectivo principal do seu proxecto, comentou, foi o de acadar un aforro de custos no percorrido de rutas de visita por parte de axentes comerciais e rutas de distribución, amais de conseguir unha maior satisfacción nos clientes da empresa. O sistema xestiona e suxire posibles novos clientes a ser captados polos axentes nos seus tempos mortos co fin de mellorar a produtividade e o medre da empresa.
O segundo galardón desta modalidade foi para Adrián Pérez, da Universidade da Coruña, por un proxecto de programación de algoritmos de redución nunha GPU. Por último, e dado que un dos requisitos para poder participar neste certame era a creación dunha páxina en Facebook na que se debía publicar información sobre cada proxecto, a organización entregou un premio ao autor da páxina que acadou máis “Gústame” entre o público, que foi a de Diego Antón Cerqueira.
O Concurso de Proxectos Tecnolóxicos Expourense nomea gañadores a dous proxectos da ESEI de Ourense
Compartir Este Artigo
