O xoves 19 de decembro a asociación INEO celebraba a súa reunión anual do Consello Consultivo. Como conclusión: a plataforma empresarial TIC acadou este ano un EBIDTA positivo do 3%, achegou 5 novas empresa e conseguiu un retorno directo a socios do 342% respecto dos seus ingresos por cotas (sendo as compañías Egatel e DIN as últimas en sumarse á asociación, facendo un total de 57 socios). Asemade, ao longo do ano centrou os seus esforzos en fomentar a cooperación para que os seus asociados poidan acceder de maneira conxunta a proxectos e mercados nos que non poderían entrar a xeito individual; incrementar a presenza activa da asociación en organismos de decisión empresarial e activar o seu potencial innovador en materias comerciais e de xestión, e de acceso a outros mercados.
A saúde actual do sector, así como retos a curto prazo, trasladáronse a algunhas das empresas máis representativas do campo do TIC nun encontro no que participaron, ademais do presidente de INEO, Jorge Cebreiros, a presidenta do seu Consello Consultivo e do Consorcio Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa. Durante a reunión tamén se avaliaron os catro grandes retos fixados pola asociación: colaboración intelixente, posicionamento en áreas obxectivo, diferenciación e visibilidade e transparencia e calidade nos servizos.
En canto á colaboración intelixente, INEO soubo aproveitar as capacidades da contorna para maximizar o impacto de todos os axentes. Para iso centrouse nas súas potencialidades entre as que salientan a internacionalización e a súa constitución en lobby para captar fondos para I+D+i e de desenvolvemento rexional, en especial na fachada atlántica. Ao longo do ano 2013 INEO relanzou a súa imaxe de marca potenciando o seu valor diferencial mediante: o desenvolvemento dunha nova web, a coparticipación na directiva da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) e a presidencia da Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicación e Electrónica (CONETIC).
A Asociación ten entre os seus obxectivos converterse nun instrumento de desenvolvemento da competitividade do sector TIC e dos demais sectores empresariais. Por iso é polo que apostase por desenvolverse como plataforma de cooperación non só entre empresas do sector TIC senón tamén entre empresas dos demais sectores. Para lograr que os asociados accedan de xeito colectivo a proxectos e mercados nos que de maneira individual non poderían entrar, INEO participou en proxectos como a Muralla Dixital, IntelligenTIC e Carisma, a tramitación do Programa eCommerce ou a Rede de Expertos en Licitacións Internacionais.
Durante o exercicio 2013 INEO traballou tamén o seu potencial innovador mediante a súa capacitación en materias comerciais e de xestión, e a través do acceso a outros mercados. Boa proba diso é a inserción de bolseiros da Fundación Santander, as xornadas Interconnecta e Conecta PEME, o plan de formación sectorial a través da CEOE, CEG e o resto de confederacións empresariais provinciais.
INEO é o referente asociativo empresarial no sector TIC de Galicia. Mostra diso é a implicación das principais entidades e institucións autonómicas a través do seu Consello Consultivo. Constitúen este órgano: a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG), o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, o Consello Galego de Cámaras de Comercio, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant e Novagalicia Banco.
INEO avalía o ano 2013 concluíndo cunha mellora económica e innovadora
Compartir Este Artigo
