Calquera persoa que teña cativos na casa sabe o difícil que é quitarlles o teléfono da man. Tendo en conta isto, Vodafone España quere que este uso temperá das tecnoloxías por parte da rapazada sexa o máis seguro e sinxelo posible, por unha banda acougando aos pais e pola outra permitindo que os nenos aprendan que os trebellos electrónicos son algo máis que un xoguete: poden ser, de empregalos con sentido común, unha fonte de educación e coñecemento. Nesta liña é onde se insire a aplicación Vodafone Kids, que pon ao alcance dos cativos de entre 2 e 6 anos un espazo único cunha manchea de actividades formativas.
A ferramenta inclúe cinco “mundos” diferentes onde os máis pequenos poderán construír quebracabezas, xogar aos disfraces ou enlazar parellas de imaxes, escoitar e ler contos interactivos, tocar música, realizar actividades de pintar e colorear e crear as súas propias aventuras animadas coma se tratásese dun fotomatón. Vodafone Kids incorpora no seu catálogo inicial (que se irá actualizando de xeito continuo e progresivo) un feixe de 27 xogos, 10 contos, 6 cancións, 12 coleccións para pintar e colorear e 16 mostras para crear a fotoaventuras animadas. Segundo sinalan fontes de Vodafone, o operador é “o primeiro en España que ofrece aos seus clientes unha aplicación específica para nenos cunha variedade tan ampla de actividades”. E engade: “A través de Vodafone Kids os nenos poderán atopar dentro dos dispositivos dos seus pais, un espazo seguro e divertido especialmente deseñado para eles, sen publicidade e evitando que os menores poidan descargar aplicacións ou contidos de pago de forma accidental”.
As orixes deste desenvolvemento están, como dixemos ao principio, na constatación de que cada vez son máis os nenos que fedellan nos dispositivos dos seus pais. Tendo en conta isto, xerouse unha demanda importante de nais e pais preocupadas/os por esta introdución temperá dos seus pequenos nos aparellos electrónicos, demanda que apuntaba cara a necesidade de pór no mercado servizos específicos para os cativos e que ademais fosen seguros e contribuísen ao seu desenvolvemento. De aí naceu Vodafone Kids. Segundo comenta Blanca Echániz, directora de Servizos de Consumo da Unidade de Negocio de Particulares de Vodafone España, o obxectivo é que os pais poidan aproveitarse da normalización das tecnoloxías nas súas familias cunha aplicación que ademais de entreter engade un importante valor docente. A aplicación está xa dispoñible de forma gratuíta para smartphones e tablets Android. Dentro dos contidos que se ofrecen aos usuarios algúns son gratuítos e outros están accesibles baixo subscrición de 4,83 euros/mes (IVE xa incluído), que se engade á factura mensual.
Vodafone lanza unha aplicación específica para os máis cativos: Vodafone Kids
Compartir Este Artigo
