A empresa galega Alcatraz, que centra o seu labor no cumprimento normativo e na protección do coñecemento (axudando ás empresas e organizacións a respectar a Lei Orgánica de Protección de Datos, LOPD), comeza este novo ano facendo un reconto do estado de cousas actual, na nosa terra, en materia de seguimento da dita lei por parte de empresas e entidades diversas. Segundo fai saber e segundo se extrae da memoria de actividade en 2012 da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), menos da metade das empresas da nosa terra cumpren coa LOPD.
Asemade, xa a nivel estatal, incrementáronse nun 12,3% as denuncias interpostas por unha suposta vulneración da devandita lexislación. “Das case 8.600 denuncias recibidas”, explican dende Alcatraz, “pouco máis dun 6% proceden de Galicia”. En cuestión dun ano, os galegos rexistramos un medre do 25,7% do volume de denuncias declaradas ante a Axencia. Estes e outros datos, sinala Leopoldo Mallo, director xeral de Alcatraz, contribúen a constatar unha situación desacougante, xa que estamos a falar dunha lei que xa ten 15 anos de vixencia pero que semella terse cada vez menos en conta por parte de moitas organizacións. De feito, a día de hoxe apenas o 38% das empresas situadas en Galicia cumpren co establecido na LOPD. Sexa como sexa, dende Alcatraz tamén fan saber que os galegos, malia as devanditas cifras, non estamos entre os menos cumpridores, senón máis ben o contrario: Galicia é unha das cinco Comunidades que máis vela por estes regulamentos, xunto Asturias, A Rioxa, Aragón e Murcia.
Polo que respecta aos xeitos de incumprir a Lei, son moitos e variados, e un dos máis comúns é o de non identificar os datos tratados de carácter persoal. Así, só consta que 3 de cada 10 empresas identifican estes seus ficheiros ante a AEPD, tal e como esixe a normativa, polo que podemos dicir que arredor do 70% das empresas españolas incumpren coa LOPD.
“A lexislación vixente pretende que cada cidadán teña dereito a preservar a súa honra e intimidade”, informan fontes de Alcatraz, que explican que “isto obriga a que calquera empresa que traballe con calquera tipo de información que permita identificar a unha persoa (nome e apelidos, DNI, teléfono, imaxe, voz, etc.) deberá aterse ao establecido na LOPD ben porque, por exemplo, recibe currículos ou trata datos dos seus clientes, empregados, conta cun sistema de videovixilancia, etc”. En todos os anteriores casos considerarase que se está levando a cabo un tratamento de datos persoais e por tanto, a empresa atoparase suxeita ao cumprimento da citada lei, engádese.
A empresa galega tamén explica que en función de se unha empresa cumpre ou non con esta normativa, a AEPD pode chegar a aplicar multas que poderían oscilar entre os 900 e os 600.000 euros (a media oscila os 60.000 euros). Sinalar que as sancións económicas impostas por parte da Axencia no 2012 superaron os 21 millóns de euros, aumentando nun 7,43% en comparación co ano anterior.
Outro dato a ter en conta é que as empresas con cámaras de vixilancia cuadriplicáronse nos últimos anos, e isto engade meirande complexidade á cuestión e un terreo máis aboado para o incumprimento da Lei. E máis se temos en conta que a captación da imaxe dunha persoa está considerado un dato persoal que deberá ser rexistrado ante a AEPD como ficheiro. Atendendo aos datos recolleitos na memoria da Axencia, en 2012 aumentou por parte das distintas organizacións o rexistro deste tipo de ficheiros nun 26%. Por outra banda, o 16% das actuacións previas de investigación da AEPD teñen a súa razón de ser nesta cuestión. Porén, a preocupación segue en aumento. Segundo informa Alcatraz, “os usuarios son conscientes de que captan os seus datos a través destes sistemas que en moitas ocasións realízase de maneira ilegal, xa que non se atopan dados de alta na Axencia nin se informa ao usuario da súa existencia”. Lembrar que a LOPD esixe notificar a calquera persoa que acceda a unhas instalacións que conte cun sistema de vixilancia a través dun cartel que identifique ao responsable do devandito tratamento para poder exercer, se así fose preciso, os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición de datos.
Menos da metade das empresas galegas cumpren coa Lei de Protección de Datos
Compartir Este Artigo
