
A competición consistirá en coñecer que equipa (de entre dous e catro estudantes apoiados por un titor) é quen de medir e modelar obxectos en 3D coa mellor calidade métrica e visual servíndose dos seus dispositivos de teléfono móbil, un computador e un software fotogramétrico libre.
Dende a dirección do campionato salientouse que a habilidade dos rapaces/as para o manexo das novas tecnoloxías garante a rápida adquisición das destrezas precisas para tomar parte na D3mobile Metrology League 2014, un encontro cuxas bases, así como toda a información relativa ao seu desenvolvemento está dispoñible na páxina web habilitada para a ocasión.
O acto de presentación da D3mobile Metrology World League 2014 congregou este mércores 8 de xaneiro na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo ao vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil; o deputado provincial delegado das áreas de Cultura, Turismo, Ensino e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Mario Outeiro; o director da Escola Politécnica, Javier Bueno, e ao director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, amais dos profesores Juan Ortiz e Mariluz Gil, promotores do campionato de modelado 3D de precisión con móbil.
O deputado provincial Mario Outeiro subliñou que esta competición permite tamén dar visibilidade á lingua galega, ao tempo que precisou que a colaboración da Deputación de Lugo neste proxecto “pretende corrixir, ou cando menos combater, algunhas das medidas contempladas na LOMCE, que reducen a presenza da Tecnoloxía no ensino secundario, así como a decisión da Xunta de reducir o emprego do galego no ensino de materias de índole científica”.
Pola súa banda, o director do proxecto -Juan Ortiz- explicou que o calendario do campionato apenas experimenta cambios respecto da pasada edición. A inscrición permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro de 2014 na páxina web e as tres probas previstas desenvolveranse desde febreiro a abril. No mes de maio abrirase o prazo de votacións dos traballos presentados para logo dar a coñecer as distintas equipas gañadoras ao longo do mes de xuño.
Outra das novidades adiantadas polo director da D3mobile Metrology World League é que nesta segunda edición o campionato de modelado 3D con móbil contará cun padriño de honra, un persoeiro coñecido a nivel internacional, sobre todo entre o público xuvenil e que, se as datas o permiten, estará presente na cerimonia de entrega de premios.
Por último, cómpre sinalar que este proxecto está promovido polo grupo de investigación para a documentación en 3D da USC, coordinado pola profesora Mariluz Gil Docampo e conta cun amplo abano de colaboradores: a Escola Politécnica da USC, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo, a Fundación Vodafone España, os gobernos de Navarra e Castela e León, amais de asociacións de pais, colectivos docentes, centros de ensino secundario e empresas do eido tecnolóxico.
O novo campionato mundial de modelado 3D da USC está dotado con 9.000 euros en premios
Compartir Este Artigo
