Segundo pasan os meses, e a venda de BlackBerry non remata de producirse, parece que a compañía canadense non se dá por vencida e, pese á mala acollida que está a ter BlackBerry 10 e os seus smartphones, os servizos poden ser o seu bote salvavidas, ou iso parece pensar o seu director xeral, John Chen, quen asegura que “podes ser usuario de iPhone ou Android, e ser tamén usuario de BlackBerry”, chegando a engadir á ecuación a Windows Phone, de xeito que a plataforma BlackBerry Enterprise Server (BES) xa non será exclusiva de móbiles BlackBerry, senón que servirá para xestionar flotas de todo tipo de smartphone.
Chen asegura que actualmente BES é rendible, pero é un servizo que está estancado comercialmente, polo que precisa dun pulo que facilite que a compañía volva ao rego, e cubra as necesidades móbiles das empresas, apostando principalmente pola seguridade, que parece ser o elemento que deixan de lado a meirande parte dos seus competidores.
En breve estrearase BES10 Cloud, unha versión desta tecnoloxía orientada á nube, que podería ser o primeiro paso do camiño que busca percorrer BlackBerry os vindeiros anos, e que parece prometedor (actualmente a versión na nube de BES está a recibir boa resposta nas súas probas).
O actual director xeral de BlackBerry tamén está moi satisfeito coa boa resposta que tivo BlackBerry Messenger (BBM) ao estrear versión para iOS e Android, de xeito que a plataforma de mensaxería que tiña 45 millóns de usuarios de BlackBerry, agora conta con 85 millóns grazas á incorporación de novas plataformas. De todos os xeitos, BBM non é un servizo rendible, pois aínda non ten ningún tipo de retorno económico, polo que a compañía o manexa como un investimento a longo prazo.
BlackBerry permitirá xestionar flotas móbiles con iOS, Android e Windows Phone
Compartir Este Artigo

