Presidencia, AMTEGA e a FEGAMP presentaron este mércores un proxecto conxunto para ampliar o alcance das actividades de alfabetización e capacitación que se desenvolve a través da rede de aulas CeMIT. Esta proposta conxunta, un Plan de Inclusión Dixital, supón o inicio da segunda fase da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT), que arrancou en 2010 para fomentar o uso das novas tecnoloxías entre a sociedade galega, especialmente entre os colectivos máis afectados pola fenda dixital.
Agora, “tras tres anos de afianzamento da Rede cun total de 98 aulas integradas, presentes en 92 concellos e con máis de 32.200 usuarios rexistrados”, a Xunta busca garantir “a capilaridade destes servizos promovendo a participación dos axentes sociais, empresariais e entidades públicas para incrementar as actuacións en materia de inclusión dixital”, sinalaron Alfondo Rueda (Presidencia), Mar Pereira (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e José Manuel Rey (Federación Galega de Municipios e Provincias) durante a sinatura do acordo entre as tres partes. “Nesta nova etapa da Rede CeMIT”, engadiron, “a FEGAMP xogará un papel fundamental como canle de comunicación cos concellos galegos e será a encargada de transferir a subvención aos municipios atendendo aos criterios de actividade establecidos no acordo e na difusión do Plan de Inclusión dixital a través da Rede CeMIT”.
Segundo se recolle no convenio, en 2014 a AMTEGA -a través da Federación galega de Municipios e Provincias- achegará aos concellos 768.272 euros euros para a realización de actividades en materia de alfabetización dixital. Desde este xoves 16, os concellos poderán solicitar o financiamento para actividades de formación nas aulas, que se distribuirá atendendo a criterios de actividade das aulas segundo o establecido no convenio. A esta cantidade súmase o investimento en equipamento e soporte técnico dos centros que ascende a máis de 911.000 euros . En total, este ano a AMTEGA destinará á formación dixital da Rede CeMIt máis de 1,6 millóns de euros. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica será a encargada de elaborar no primeiro semestre de 2014 o Plan de Inclusión Dixital de Galicia. Xunto coa federación xestionará e coordinará as actividades definidas no Plan e impulsará a participación dos axentes sociais, entidades públicas e privadas en actuacións de inclusión dixital. O obxectivo final, fíxose saber, “é incrementar a oferta de formación dixital pública en condicións de igualdade para todos os galegos, con independencia da súa idade, lugar de residencia ou situación económica”.
En marcha un novo plan para tirar partido das aulas CeMIT na alfabetización dixital de tódolos galegos
Compartir Este Artigo
