Na mañá de hoxe, Mar Pereira -directora da AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia)- acudía á inauguración do IV Seminario Sociedade da Información en Galicia, organizado pola revista Socinfo e dende alí subliñaba que o reto do goberno galego en materia tecnolóxica é acadar a máxima converxencia con Europa no horizonte 2020. Para isto, a Xunta aprobaba a finais de ano a Estratexia Galega de Crecemento Dixital, unha folla de ruta que salienta as grandes liñas de actuación que consolidarán e darán continuidade ás medidas da Axenda Dixital 2014.gal. Pereira engadía que esta estratexia está ben aliñada coa RIS3 de Galicia para establecer relacións sinérxicas entre elas e captar fondos europeos en proxectos tecnolóxicos para a Comunidade no novo período de financiamento 2014-2020.
Emporiso, as cinco liñas globais de actuación que establece a Estratexia de Crecemento Dixital de Galicia procuran: consolidar a Administración electrónica e o e-Goberno, así como a modernización tecnolóxica dos servizos públicos; impulsar o emprendemento no sector TIC, mellorar a competitividade do tecido empresarial (con especial énfase nos sectores primarios) e acadar unha cidadanía 100% dixital.
A directora de AMTEGA afirmou que contar cun sector tecnolóxico forte é chave para impulsar o medre dixital de Galicia e salientou que unha das medidas para contribuír ao devandito medre foi a sinatura o pasado ano do Pacto Dixital entre o presidente da Xunta, o sector tecnolóxico galego e 11 empresas de eido nacional e multinacional. Unhas das primeiras medidas desde acordo materializarase antes do verán coa entrada en funcionamento do Centro de Emprendemento TIC do Gaiás, un espazo de coworking para 60 emprendedores do tecido tecnolóxico aos que se lles facilitará apoio, formación e contactos con posibles investidores. Outra das medidas será a posta en marcha do programa Transforma TIC para aliñar as diferentes iniciativas de apoio ao sector que se están a desenvolver desde a Administración autonómica. O Transforma TIC unirá os esforzos e instrumentos cos que contan as Consellerías de Traballo, Cultura, Economía e Industria nunha mesma dirección e irá á procura da colaboración de todos os axentes do sector (Clúster TIC, os centros tecnolóxicos, os grupos de investigación, os Colexios Profesionais e as tres universidades galegas) para, aliñar obxectivos e favorecer o seu crecemento.
Mar Pereira sinala á tecnoloxía como a ferramenta decisiva para sermos competitivos
Compartir Este Artigo
