
No estudo tamén se sinala que en 2013 a Oficina Virtual Tributaria recibiu un total de 669.589 accesos, “o que representa un incremento do 12,5% respecto a ano anterior e do 30,5% desde 2009”. Asemade, faise saber tamén que a día de hoxe este recurso telemático dos galegos rexistra máis de 1.800 accesos nunha única xornada, o que segundo apuntou a conselleira amosa o uso cada vez maior das TIC que se detecta na presentación de impostos xestionados pola Xunta. A maiores e co fin de corroborar isto último, o informe apunta a que a totalidade dos impostos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia poden presentarse xa por vía telemática, “o que permite a calquera contribuínte realizar este trámite as 24 horas do día os 365 días do ano, e sempre coa máxima seguridade”. Asemade, cómpre lembrar que se pode levar a cabo por esta canle o pagamento das taxas, os prezos e as sancións. A investigación tamén apunta a que o 58% das autoliquidacións de impostos presentadas en 2013 leváronse a cabo en Internet, mentres que as presentacións en papel reducíronse neste período ao 42%. De feito, dende 2009 o peso dos trámites por vía telemática medrou en máis de 11 puntos, da mesma forma que se van reducindo as presentacións en papel.
En total, a Oficina Virtual Tributaria da ATRIGA recibiu o pasado ano 211.591 autoliquidacións a través da Rede, “e a cifra acumulada desde 2009 supera xa o millón”, engádese no estudo.
Lembrar que entre os servizos electrónicos que achega a OVT figuran a confección e impresión de modelos de autoliquidación, a declaración e pagamento telemático de tributos e outros servizos xerais, como consultas, valoracións de bens inmóbeis, valoración de vehículos usados, verificacións de documentos ou certificacións. A isto cómpre engadir a emisión electrónica de certificados de débedas. Para Facenda, non hai rastro dúbida en que “o progresivo desenvolvemento da Oficina Virtual Tributaria supón un importante aforro de tempo e de custos para a cidadanía, xa que a miúdo lles evita acudir en persoa ás dependencias da Administración para realizar determinados trámites que agora pode realizar desde o seu domicilio”.
Un novo informe apunta a que a Oficina Virtual Telemática permitiunos aforrar 113 millóns de euros dende 2009
Compartir Este Artigo
