Este mes de xaneiro deuse a coñecer dende Vigo a ascensión dun novo chanzo no seu proceso de afianzamento como cidade referencia no eido aeroespacial, proceso xa moi consolidado logo das experiencias xeradas pola Universidade (XaTcobeo e Humsat, e máis Femtosat) ou o pulo do Consorcio da Zona Franca para fortalecer e impulsar tecido empresarial ligado á industria do Espazo. Pois ben, a suba do novo chanzo veu da man unha vez máis da Uvigo, que asinou unha alianza coa Kyungpook National University de Corea para a futura construción de G-Sat, un satélite de finalidade comercial de 50 quilogramos de peso que se empregará, entre outros eidos, na prevención de incendios forestais e no control das mareas vermellas.
O acordo foi formalizado polo reitor vigués, Salustiano Mato, e o seu homólogo da dita institución académica coreana, In-Suk Hamm. O convenio abrirá a porta ao intercambio de estudantes e investigadores e á posta en marcha de diferentes proxectos de colaboración centrados en boa medida en cuestións de enxeñaría aeroespacial, biblioteconomía e enfermaría. Salustiano Mato tirou proveito da visita da delegación coreana para lembrar que “Vigo é a única Universidade europea que ten dous satélites no espazo, cousa que se pode definir coma un milagre, xa que o estamos a facer con recursos moi limitados e sen apoio institucional”. Precisamente cara a busca de financiamentos é cara a onde se dirixe un acordo como o asinado coa universidade coreana, que permitirá, xunto con outros de semellante índole, unir forzas na procura de apoios orzamentarios extra.
Como dixemos, o acordo permitirá tamén o intercambio de alumnos, investigadores e persoal de administración e servizos. “Trátase de intercambiar experiencias, tecnoloxía e coñecementos para conseguir un mellor nivel e crear máis espazos de oportunidade”, apuntou o reitor, que agradeceu ao reitor coreano o seu convite para “asistir no vindeiro mes de maio en Corea á celebración do aniversario desta universidade”. Pola súa parte, o reitor asiático, presidente tamén do Consello Coreano de Educación Universitaria, destacou a importancia que as tecnoloxías da información teñen para ambos países e tamén para as dúas universidades, a galega e a coreana, “agora irmandadas”.
Segundo engade a Universidade de Vigo, In Suk Hamm asistiu á nosa terra acompañado por responsables de varios servizos da súa Universidade e por dous destacados empresarios do seu país e ex-alumnos de Kyungpook: Ok Youle Kim, presidente da empresa Hwashin dedicada a subministros para a automoción, e Duk Rok Lee, responsable de Seobo Energy, unha empresa especializada en estruturas, paneis e enerxías renovables.
A UVigo anunciou a vindeira construción do seu cuarto satélite: o G-Sat
Compartir Este Artigo
