O pasado venres 31 de xaneiro o deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación -Alfredo Llano- daba conta dos resultados de implantación do programa Reacciona coas TIC da Deputación de Lugo na empresa North Atlantic (Burela). A entidade é unha das 40 PEME e autónomos da Mariña que participaron no programa Reacciona coas TIC, unha proposta para aumentar a competitividade e mellorar o posicionamento no mercado a través das novas tecnoloxías. Llano salientou que esta iniciativa dota ás entidades participantes das ferramentas informáticas precisas para mellorar a súa xestión e proxección de mercado.
Todo isto cun custo cero, xa que o organismo provincial asume todos os gastos con máis de 200.000 euros de fondos europeos do Innova-TE, conseguindo reducir custos grazas ao software libre instalado e formando aos traballadores para que se encarguen eles mesmos do mantemento e xestión das ferramentas informáticas.
E máis polo miúdo, na Mariña lucense 36 empresas xa se viron beneficiadas deste plan da Deputación, que logo dun proceso de análise pasa a valorar as necesidades reais de cada entidade para tirarlle o maior proveito ás novas tecnoloxías. No caso concreto de North Atlantic, a empresa participou en 6 cursos gratuítos (dos 18 que se organizaron dentro do programa), cos que aprenderon a xestionar unha páxina en Facebook, un blog propio e twitter para a empresa. Amais, a entidade promociona e vende os seus produtos a través da plataforma que xestiona a Deputación.
Cómpre dicir que as entidades da Mariña que participaron no programa pertencen a sectores ben variados: peixerías, construtoras, talleres, transporte de mercadorías, turismo e comercio minorista, etc. Burela, Viveiro e Ribadeo son as vilas que máis empresas achegan ao plan (con 10, 7 e 5 respectivamente), pero completan as cifras outros concellos como Lourenzá, Foz ou Trabada.
Reacciona coas TIC permitiu a un total de 150 negocios da provincia dar un pulo á súa actividade grazas ás iniciativas incluídas no mesmo. É un programa pioneiro en Galicia porque inclúe aspectos coma a análise das necesidades informáticas destas empresas e autónomos, a dotación de ferramentas tecnolóxicas e a formación gratuíta para aproveitar do mellor xeito posible estas mesmas ferramentas.
O programa Reacciona coas TIC fomenta a actividade de 40 negocios da Mariña
Compartir Este Artigo
