É sabido que unha chea de países do mundo son especialmente belixerantes cos colectivos de gais e lesbianas. Quen pense que esta listaxe está só constituída por estados que fican lonxe do supostamente civilizado e progresista Occidente, anda algo trabucado. Non fai falta irse fóra de Europa nin da súa contorna para atopar mostras intolerables de homofobia, xa non só da sociedade senón tamén das institucións públicas. Rusia, o país que acubilla este ano os Xogos Olímpicos de Inverno, ocupa un lugar destacado nesta tristemente famosa listaxe. Todo apunta a que o evento deportivo será unha nova escusa para que as autoridades lancen de novo a súa mensaxe discriminatoria. Porén, hai quen xa lle guindou a Rusia unha mensaxe de advertencia. Entre outros, o mesmísimo Google.
A mensaxe do buscador chega ademais nun intre decisivo, no que se están a prohibir no país as manifestacións polos dereitos dos homosexuais. Evidentemente, Google non vai solucionar o problema, pero na Internet estase a saudar o seu acto de valente e especialmente simbólico, e máis se temos en conta factores como a súa capacidade de difusión de coñecemento e actualidade no mundo ou a gran cantidade de internautas que hai en Rusia, potencialmente destinatarios desa mensaxe. Esta mostra de solidariedade co colectivo de homosexuais e lesbianas colle corpo no seu logotipo de hoxe, que coincide coa posta en marcha dos Xogos Olímpicos de Inverno na cidade rusa de Sochi. O logo reproduce a bandeira homosexual e cada unha das letras do nome buscador é unha cor do devandito distintivo. A ilustración acompáñase do seguinte texto: “A práctica deportiva é un dereito humano. Toda persoa debe ter a posibilidade de practicar deporte sen discriminación de ningún tipo e dentro do espírito olímpico, que esixe comprensión mutua, solidariedade e espírito de amizade e xogo limpo”.
Google desafía a Rusia e pecha fileiras cos colectivos homosexuais
Compartir Este Artigo
