
Ao abeiro do acordo, o colexio organizará unha quenda para a prestación de asesoramento e ditame pericial nos procedementos penais nos que se requira oficialmente a proba pericial de oficio. O ditame pericial será emitido por un profesional colexiado, por designación e baixo o control deontolóxico do CPEIG. Segundo informa a plataforma profesional galega, “será o propio colexio o que controlará a formación e a deontoloxía dos peritos, a liquidación das peritaxes e a repartición das cantidades por percibir da Administración para a súa indemnización”. Asemade, a quenda será atendida polos colexiados que de xeito voluntario se inscriban nela. Estes, engade o CPEIG, terán que reunir os requisitos de cualificación técnica, formación e experiencia práctica que o colexio determine e a Administración de Xustiza requira.
Lembrar tamén que a incorporación á quenda dos peritos forenses do CPEIG efectuarase unha vez cada ano. Ademais, terá carácter voluntario e producirase por petición do interesado, acreditando as seguintes condicións: a pertenza e á incorporación ao CPEIG; a antigüidade no desempeño efectivo da súa profesión polo menos de tres anos e a acreditación dunha formación específica ou a participación en cursos de especialización.
Salientar por último que o CPEIG conta cun Corpo Oficial de Peritos “con acreditada formación e experiencia”. As súas funcións son as de dar cobertura e cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido no artigo 335 da Lei de Procesamento Civil e o recollido no artigo 6.h. dos estatutos da entidade profesional.
O CPEIG colaborará coa Xustiza galega na prestación de asistencia pericial en xuízos
Compartir Este Artigo
